MNL

Callón repetirá na presidencia da Mesa á fronte dunha candidatura renovada

Callón repetirá na presidencia da Mesa á fronte dunha candidatura renovada
Carlos Callón
Carlos Callón  

Unha única lista á Comisión Permanente concorre á Asemblea Xeral que este sábado celebra a MNL en Ourense


Carlos Callón seguirá tres anos máis coma presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), que este sábado celebra en Ourense a súa Asamblea Xeral e na que o ribeirense encabeza a única candidatura presentada para optar á Comisión Permanente, o órgano de cinco membros que rexe o día a día desta organización. Só o propio Carlos Callón, na presidencia, e Iria Taibo, coma secretaria xeral, repiten na lista, mentres que son tres os novos rostos que conforman a candidatura: Susana Méndez, vicepresidenta; Carlos Outeiro, vicepresidente segundo; e Paulo Filgueiras, coordinador de zonas e seccións. Todos eles, e desde diferentes campos, teñen unha dilatada experiencia de compromiso na defesa do idioma.

 O pasado día 20 finalizou o prazo para a presentación de candidaturas, téndose só formalizado a integrada polos anteriormente mencionados. Sobre a lista pronunciaranse o sábado os asistentes á asamblea da Mesa, un colectivo que posúe centos de asociados.

 Callón cumprirá en xuño unha década na presidencia da MNL, de aí que a decisión de optar a renovar no cargo fose tomada tras unha etapa de reflexión persoal e despois de falar “con moita xente”. Esta fase de reflexión, porén, non minguou un bocado, unha vez adoptada a decisión firme de se volver presentar, a ilusión e a enerxía coa que afrontar a nova etapa. Iso si, Carlos Callón adianta xa que a súa intención a estas alturas é que este sexa o seu derradeiro mandato, aínda que iso, en absoluto, supoña desligarse do compromiso na defensa do idioma, que seguriá a manter.

A Asamblea Xeral da Mesa celébrase desta volta en Ourense e será ás 10.30 horas en primeira convocatoria, 11 horas en segunda, no Auditorio Municipal (Rúa da Canle, 2). A decisión de celebrarse na cidade das Burgas resposta á intención da MNL de facer, partir de agora, a súa Asemblea Xeral cada ano nun concello diferente de Galiza. Na orde de traballos para o sábado, e ademais da elección da nova Comisión Permanente, figuran cuestións coma a exposición e aprobación do Informe de Xestión, o exame e votación do Informe Económico de 2011 ou ben a análise da liña de actividades para o próximo ano.