Campaña polo galego na declaración da renda

Campaña polo galego na declaración da renda

“Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito”. Con este lema, a Asociación de Funcionarias pola Normalización Lingüística inicia unha campaña para que as contribuíntes escollan o galego á hora de presentar a declaración da renda.
 


“É un acto concreto e sinxelo que outorga razóns de peso e autoridade ante determinadas discriminacións lingüísticas realizadas pola Administración”, explica nunha nota a agrupación, que engade: “Cómpre exercer os dereitos que as lei outorgan ás comunidades con linguas cooficiais. Marcar a opción do galego amosa a existencia duns dereitos que, de non se practicaren, corren o perigo de se perder”.

a declaración ... en galego a3

A asociación explica que, na altura de hoxe, os órganos da Administración Xeral do Estado “teñen como única lingua oficial o castelán. Calquera trámite de oficio sae en castelán aínda que se produza dentro de Galiza. Seguridade Social, Tráfico ou Axencia Tributaria carecen de medops e persoal abondo para ofrecer un servizo de calidade en lingua galega”. As aplicacións informáticas, ademais, non presentan esa opción.

“Ao optar pola lingua galega na declaración da renda estamos enviando unha mensaxe á Administración para que tome en consideración a comunidade que usa o galego e non permita situacións discriminatorias”, sinala.

A Asociación de Funcionarias pola Normalización Lingüística realizará unha serie de accións encamiñadas a espallar a súa iniciativa: cartaces na Axencia Tributaria, contactos con xestorías e entrevistas con sindicatos, institucións ou partidos políticos para procurar que se sumen á campaña. Tamén solicitan a implicación individual para compartir nas redes sociais fotografías coa palabra de orde proposta.

Nota: imaxe da campaña da Asociación de Funcionarias pola Normalización Lingüística.



x