Unha campaña quere eliminar “Rianjo” do mapa

Unha campaña quere eliminar “Rianjo” do mapa

“Rianjo” continúa no mapa e unha iniciativa popular pula para eliminala. O Grupo de Usuarios de Linux de Rianxo (GULIR) promove unha campaña para reclamar o fin na rede da deturpación do seu e de todos os topónimos galegos.  


Até o 17 de abril o Grupo de Usuario de Linux de Rianxo (GULIR) suma apoios para esixir a eliminación do topónimo deturpado “Rianjo” nos mapas da rede social facebbok, a máis popular en número de usuarios do mundo. 

O GULIR quere entregar unha moción popular ao grupo de goberno do Concello de Rianxo para que se trate no vindeiro pleno municipal e está a recabar adhesións a través da propia rede social que denuncia. Buscan, desta maneira, facer presión para que facebook modifique o topónimo deturpado no seu servizo de mapas e localización. Segundo fan constar, esta situación fai imposíbel empregar o termo correcto e oficial do topónimo a quen queira localizar actividades e información xeográfica na súa presenza na rede. 

En Cataluña e Euskadi non pasa

O caso implica tamén á multinacional Microsoft xa que dela depende o servizo de mapas de Bing, o que promove o servizo de mapas e localización de Facebook. “Este feito é ademais extensible a toda a toponimia galega, que atopamos ateigada de topónimos deturpados, castelanizados e non oficiais, co agravio comparativo que se produce con respecto aos topónimos de outros lugares do estado con lingua propia, coma Cataluña ou Euskadi, onde os topónimos aparecen nas linguas propias, que é ademais a forma oficial”, explican no texto da iniciativa. No propio fragmento do mapa, á beira de Rianxo aparecen unhas tamén deturpadas "Villagarcía de Arosa" ou "Villanueva de Arosa". 

Esixen, por medio da campaña popular, á compañía Microsoft que corrixa a toponimia galega, en especial o topónimo de Rianxo e instan a Facebook a que “aposte por un servizo de mapas e localización que non utilice topónimos deturpados e non oficiais, ben solicitando unha corrección aos provedores do seu servizo de localización, ou ben mudando a outro servizo de localización que si utilice os topónimos oficiais e legais”.