Cantalingua bota a andar para poñerlle música ao Correlingua

Cantalingua bota a andar para poñerlle música ao Correlingua
Correlingua
Correlingua  

O concurso Cantalingua inicia a súa andaina para escoller os grupos que actuarán nas festas do Correlingua. Coa iniciativa búscase achegar á mocidade á música do país. 


A Asociación Socio-Pedagóxica Galega,CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os Concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo organizan máis unha vez a grande carreira da lingua, o Correlingua que inicia a súa programación co concurso Cantalingua a través do que se escollerán os grupos que participarán nas festas finais do 5 ao 16 de maio. 

Poderán concursar grupos ou solistas que teñan nas súas actuacións o galego como lingua e o premio consistirá en dez actuacións musicais coa rapazada que participa no Correlingua. 

Os obxectivos do concurso son “servir de canle de difusión da música galega actual, especialmente de grupos ou solistas amadores, e facilitar o achegamento da mocidade ao gran traballo que se está a desenvolver a nivel musical no noso país”. Os grupos e solistas participantes serán avaliados por un xuri formado por alumnado de centros de ensino participantes no Correlingua.
 
Para participar terán que presentar unha canción en formato mp3, xunto cunha reseña, fotografía e datos ao enderezo [email protected] . Poderanse escoitar as cancións do concurso desde  www.cantalingua.org .