Carlos Lixó gaña o Premio a artigos xornalísticos de lingua do Concello de Carballo

Carlos Lixó gaña o Premio a artigos xornalísticos de lingua do Concello de Carballo

Presentáronse 53 traballos.


‘Alpabardas verdes’, do autor ribeirense Carlos Lixó, investigador e profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e poeta., é o gañador da XIV edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo.

A este certame presentáronse 53 traballos. O premio está  dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo no Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.
 

Segundo indicou o xurado na acta, valorouse  “a súa calidade narrativa e lingüística” así como  “a súa capacidade de incidencia no público”, e destaca “o ben que liga o particular co tema xeral que quere transmitir. Partindo dunha anécdota do uso dun termo local concreto, o autor consegue facer unha reflexión global sobre a importancia do uso da lingua, e da súa diversidade e riqueza”. Ademais, “o artigo conecta coa actualidade e coa mocidade, exemplificando o uso do galego nas novas tecnoloxías e nas redes sociais, onde é tan importante a súa visibilización e normalidade”.
 

Carlos Lixó Gómez (Carreira-Ribeira, 1991) traballa como investigador no Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén imparte aulas de Historia Medieval. Neste mes de maio sae do prelo o seu primeiro poemario, As casas, merecente do XXX Premio Nacional Pérez Parallé.
 

O xurado do certame estivo composto por Iria Veiga, médica psiquiatra, e gañadora da edición anterior; Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Noelia Antelo, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto; ademais de Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.


Nas trece edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures, Borxa Tenreiro ou Iria Veiga.



x