Carlos Varela: “A Xustiza aínda non garante o dereito a recibir servizo en galego”

Carlos Varela: “A Xustiza aínda non garante o dereito a recibir servizo en galego”
Carlos Varela.
Carlos Varela.  

O Fiscal Xefe asegura a Sermos Galiza que a situación da lingua propia nos xulgados é aínda "precaria" e tamén amosa preocupación pola “vulnerabilidade” do Patrimonio cultural.


Carlos Varela, Fiscal Xefe de Galiza, confesou nunha entrevista a Sermos Galiza -publicada na súa maior parte no semanario de papel- que a situación do galego no eido da Xustiza segue a estar moi lonxe de ser a desexada xa que a poboación non ten a seguridade de ser atendida en galego.

"O futuro do galego non depende unicamente dos avances culturais ou no ensino, senón tamén está directamente ligado aos mercados de bens e servizos"

“A situación do galego neste eido é aínda precaria e pode acreditarse que o dereito do cidadán a recibir servizo na súa lingua de elección non esta actualmente garantido”, afirma Varela, que tamén fixo referencia ao seu compromiso persoal: “A miña contribución desde o ámbito da Xustiza realízase a través da Irmandade Xurídica Galega, que ano tras ano incrementa o número de persoas dispostas á utilización do galego no seu ámbito profesional. É un traballo paciente e teimudo, fundamentalmente dirixido á avogacía por seren o colectivo profesional máis numeroso, pero no que nos implicamos tamén as outras profesións xurídicas”.

Sobre a situación do galego logo de que os datos apunten a unha perda constante de falantes, o Fiscal asegura que “o futuro do idioma galego non depende unicamente dos avances que se poidan conseguir no eido cultural, nin sequera dos avances que se puideran conseguir no sistema educativo. O seu futuro, está directamente ligado ao mundo da economía e á súa proxección nos mercados de bens e servizos, os mercados financeiros, as relacións laborais e o mundo da empresa coa súa organización, loxística, mercadotecnia e finanzas”.

Patrimonio

Especialista en defensa do Patrimonio, nos mesmos días no que, por exemplo, fálase moito da falta de seguridade que permitiu o roubo do Códice Calixtino, Varela afirma que “a vulnerabilidade do noso patrimonio cultural é de orden variada, aínda que as principais causas están suficientemente identificadas. A seguridade dos templos non pasa soamente polo simple resgardo ou control de obxectos. Hai todo un conxunto de prácticas que, esixindo un maior esforzo e empeño, poden contribuír á preservación inmediata do seu patrimonio”. 

“O proxecto 'Igrexa Segura',realizado pola Fiscalía Superior, contempla un detallado Manual de Seguridade para a prevención delitiva. Actuando cun protocolo común todas as entidades con responsabilidade na custodia dos bens culturais, tanto civís como relixiosas, poderían optimizar esforzos, intereses e recursos que permitiran crear as condicións de seguridade e de conservación necesarias para a salvagarda deste patrimonio, permitindo a súa apertura á sociedade e o seu goce controlado calquera que sexa o lugar onde se atope. No noso pais semella que aínda queda moito para logralo”, engade o Fiscal Xefe de Galiza.