EN QUE LINGUA ENSINA A USC?

O castelán, amo e señor na docencia da universidade galega

O castelán, amo e señor na docencia da universidade galega

A Universidade de Santiago transmite en español tres de cada catro horas de clase mentres que o galego representa só algo máis dunha hora de cada cinco. As titulacións de mestrado son as máis achegadas a un modelo bilingüe castelán-galego (61,54% e 36,30%, respectivamente), mentres que as titulacións de grao, as de maior peso docente  reducen o uso do galego ata 21,06%. Son dados do servizo de normalización lingüística da USC.


De cada catro horas de aulas que se imparten na Universidade de Santiago en Compostela, tres son en español mentres a presenza do galego limítase a pouco máis dunha de cada cinco horas de docencia. No curso 2018/2019 impartíronse un total de 482.464,07 horas docentes na USC.

As titulacións de mestrado (48.603 horas docentes) son as máis achegadas a un modelo bilingüe castelán-galego (61,54% e 36,30%, respectivamente), mentres que as titulacións de grao, as de maior peso docente (432.810 horas) reducen o uso do galego ata 21,06%, ben lonxe do 75,01% que rexistra o español, segundo os dados que manexa ‘O Cartafol’, o boletín de normalización lingüística da Universidade de Santiago.

Mais... Pesan todas as titulacións de grao por igual? Pois Non. Hai só un grao que carece por completo de docencia en galego: Lingua e Literatura Inglesa, que se imparte 100% en inglés. Ademais dos graos impartidos en Lugo de Relacións Laborais e mais de Lingua e Literatura Españolas, outros seis graos non chegan nin a 9% da presenza de galego: Medicina, Enfermaría (de Lugo e Santiago),  Odontoloxía, Farmacia e Nutrición. 

Hai trece graos nos que se imparte en galego máis de 50% da docencia, todos de Ciencias Sociais e Humanidades: Paisaxe, Xeografía, Mestras de Primaria e Infantil de Santiago e Lugo, Filosofía, Pedagoxía, Educación Social, Comunicación Audiovisual, Xornalismo (92,38%) e Lingua e Literatura Galegas (99,87%). 


Mestrados

As titulacións de mestrado son as máis achegadas ao equilibrio castelán-galego (61,54% e 36,30%, respectivamente). Con todo, para interpretar este dato en principio máis para o galego nos mestrados, cómpre ter en conta o importante peso en horas docentes dos de Formación do Profesorado de ESO, Bacharelato, FP e linguas estranxeiras (8.234 horas sobre un total de 48.603 horas) no conxunto dos 72 cursos de mestrados analizados, cando o seu uso do galego alcanza 57,97% e 69,25% (Lugo e Santiago, respectivamente).

En 2017 defendéronse na Universidade de Compostela 3.309 traballos de fin de grao (TFG) e 1.164 traballos de fin de master (TFM). En ambos os dous casos, o castelán foi o idioma elixido pola ampla maioría dos estudantes: en tres de cada catro traballos ese é o idioma empregado, mentres que o galego fica reducido a un de cada catro.

Dos 3.309 TFG defendidos na USC en 55 titulacións, 2.456 estaban en castelán (74,2%), 725 en galego (21,9%) e 72 en inglés. En graos como enxeñería química non houbo ningún traballo en galego. E a porcentaxe de TFG en castelán en graos como Medicina (96%) ou Farmacia (94%) sitúa o galego á beira da marxinalidade absoluta nese campo. 

E nos master? En 2017 defendéronse 1.164 traballos de fin de master (TFM) na USC. O galego foi o idioma no que se fixeron 275 (23,5%) e en castelán 828 (71%). En 2017 impartíronse 80 mestrados na Universidade de Compostela. En 20 deles non houbo ningún TFM en galego. En 5, a presenza de TFG en galego superou ao castelán.



x