EN RESPOSTA Á MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Centro Hípico de Casas Novas nega “discriminación ou menosprezo”


O Centro Hípico de Casas Novas nega “discriminación ou menosprezo”

O Centro Hípico de Casas Novas vén de responderlle á Mesa pola Normalización Lingüística que as afirmacións da asociación sobre a humillación sufrida pola nena de dez anos nunha das actividades de verán “só poden deberse a una interpretación errónea dos feitos”.

Nun escrito dirixido á Mesa pola Normalización Lingüística, ao que tivo acceso Sermos Galiza, o Centro Hípico Casas Novas, propiedade da familia de Amancio Ortega, fundador de Inditex, nega a “discriminación ou menosprezo a ningunha persoa coma consecuencia da utilización da lingua galega nin por ningunha outra razón”. “As afirmacións contidas na información difundida pola Mesa pola Normalización Lingüística só poden deberse a unha interpretación errónea dos feitos aos que se refiren”, sinala o documento.

Na misiva, Casas Novas expón que  os seus xestores e monitores “son, maioritariamente, orixinarios de Galicia e galegofalantes e tanto o Centro coma os participantes nas súas actividades contribuíron sempre a un clima de convivencia e respecto”. Tamén apela ao “máximo respecto a todas as persoas e, por suposto, á cultura e ao idioma propio da nosa comunidade”.

A contestación do centro hípico nada ten a ver coa denuncia da nai da cativa de 10 anos que foi humillada por unha das monitoras polo simple feito de falar galego. Malia o moito que gosta dos cabalos, a propia cativa non quixo volver ao campamento de verán de Casas Novas pola represión sufrida no centro hípico por ser galegofalante. “Si todos aquí hablamos castellano, tú tienes que hablar castellano” ou “es que a ti no te entiendo como hablas” foron algunha das respostas que, segundo a nai, recibiu a crianza de tan só 10 anos na actividade de Casas Novas.



x