A 'cesta finlandesa' de Feijóo exclúe o galego

A 'cesta finlandesa' de Feijóo exclúe o galego

A Mesa fai entrega na Xunta dunhas 'Caixas de benvida' con material infantil en galego que falta nas que entrega a administración galega, afirman. “Mentres en Finlandia conseguiron normalizar a lingua propia case desaparecida, o goberno galego fai como se a lingua propia non existir”.


Desde o 1 de agosto entréganse a todas as crianzas que nacen en Galiza a coñecida como 'cesta finlandesa', a Cesta Benvida, un agasallo que a Xunta inclúe dentro do Programa de apoio á natalidade. A cesta inclúe produtos para o coidado do bebé, como cremas ou aceites, téxtiles, libros, CD de arrolos e unha guía para pais e nais.  O goberno de Feijóo presentou esta iniciativa como unha equivalencia coa caixa finlandesa que desde os anos 30 reciben todas as familias de Finlandia. A caixa finlandesa inclúe un libro en finés, a lingua propia de Finlandia, mentres que a Xunta distribúe na súa libros en castelán, “vulnerando as leis a favor do galego”, lembra Marcos Maceira, presidenta da Mesa pola Normalización Lingüística. A entidade reclama que os materiais da Cesta Benvida estean en galego “para que o  impulso á natalidade vaia acompañado do impulso á lingua galega”.

Maceira afirma que non ten xustificación o que fai a Xunta. Mentres todos os estudos indican a desaparición do galego na educación infantil galega, “a Xunta dedícase a repartir materiais en castelán”, en referencia ao CD Arrorró, incluído na caixa, con cantigas de berce en castelán.

O paradoxo reside, como salientou A Mesa, en que Finlandia comezou a mediados do S. XIX un proceso de reposición e rehabilitación da lingua propia, o finés, que conseguiu normalizar plenamente. Xusto o contrario da política lingüística da Xunta, que até na propia “caixa finlandesa exclúe o galego”, mesmo cando existe materiais específicos para o público infantil na nosa lingua.