“Como cho digo ;-)”, para que os medios non traduzan a realidade galega

“Como cho digo ;-)”, para que os medios non traduzan a realidade galega
@anadevilela
@anadevilela  

A campaña “Como cho digo ;-)” que esta terza feira presentou a CTNL, aposta por visibilizar a nosa lingua nos medios. Colectivos e persoas poden xa sumarse para que a realidade que é en galego non se traduza nos medios. 


Persoas coñecidas de distintos ámbitos da cultura, o ensino ou o deporte sumáronse xa á campaña “Como cho digo ;-)” que esta terza feira botou a andar a CTNL nun acto que se desenvolveu no espazo cultural da Nave de Vidán e no que participaron varias das primeiras asinantes, entre as que se atopaban, María Reimóndez, Uxía, Mónica Caamaño, Federico Pérez, Jorge Mira ou Najla Shami e o propio presidente da CTNL, Nel Vidal. 

Desvelouse finalmente o contido da nova campaña que busca transmitir aos medios de comunicación a vontade social de que a realidade que se produce en galego se recolla tamén na nosa lingua, sen traducións. Cada unha das persoas participantes teñen na súa traxectoria abondosos exemplos de como as súas declaracións e entrevistas foron traducidas ao seren recollidas nos medios de comunicación, de maneira especial, nos xornais e, contra esa práctica tan estendida, suman o seu apoio á nova campaña da CTNL. 

Sumar apoios

“Dicimos que nos gustaría que a lingua galega se visibilizase máis nos medios e, polo tanto, que estes a usasen, cando menos, para reflectir as declaracións que se fan nesta lingua, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para crear información a partir de notas e comunicados redactados na nosa lingua, etc”, recóllese nunha campaña que ten entre as persoas promotoras a Fernando Vázquez, Yolanda Castaño, Francisco Castro, Uxía, Mónica Caamaño, Jorge Mira, Luís Davila, Avelino González, Benigno Campos, Salustiano Mato, Manuel Bragado, Sés, Manuel Rivas, Verónica Boquete, Marcos Calveiro, Ezequiel Mosquera, Xosé Manuel Pereiro, Rosa Aneiros, Susana Romero, Roi Casal ou Pilar Neira. 

Sumáronse tamén á campaña entidades, asociacións e colectivos como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, A Mesa, Nova Escola Galega Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación Galega de Editores, Associaçom Galega da Lingua, Xuíces para a Democracia, Asociación Galega de Onomástica ou Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. 

Pódese apoiar a campaña desde a páxina web de “Como cho digo ;-)”. Quen se sume recibirá unha declaración personalizada no correo electrónico.