ESTA SEXTA FEIRA 11M

O Colexio Paraixal de Teis organiza a xornada normalizadora “A lingua importa”

O Colexio Paraixal de Teis organiza a xornada normalizadora “A lingua importa”
Crianzas do Colexio Paraixal de Teis (Vigo)
Crianzas do Colexio Paraixal de Teis (Vigo)  

Esta sexta-feira o C.E.I.P. Paraixal de Teis e Acorda. Cultura Cooperativa organiza xunto á Associaçom Galega da Língua a xornada “A lingua importa”, unha iniciativa nada co gallo do Día das Letras Galegas que pretende concienciar as crianzas do centro vigués da importancia de protexer, empregar e respetar a lingua galega.


A xornada comezará a partir das 11:30h, cun faladoiro co profesorado a cargo de Alba Nogueira. Ao mesmo tempo e desta vez da man de Eli Ríos, as crianzas de até oito anos poderán desfrutar dun obradoiro arredor da figura de María Victoria Moreno e a súa creación poética e literaria. Os maiores quedarán a cargo de Raquel Queizás, que impartirá un taller de narración oral ás alumnas.

 

Xa pola tarde e aberto a todas as persoas interesadas na xornada, Valentim Fagim ofrecerá a partir das 16:30h unha palestra sobre a situación do galego, a súa utilidade e a importancia de protexer a lingua. Ás 17:30 será a quenda de Caxade, cunha conferencia chamada “O galego importa”, que rematará cun concerto da banda.

 

Durante a xornada da tarde, a Liga Gallaecia de fútbol gaélico organizará distintos obradoiros de xogo colaborativo coas crianzas. A equipa, que xa ten colaborado noutras ocasións co colexio, é a única liga galega de adultas mixta, e participou nas tres xornadas sobre igualdade que o C.E.I.P. Paraixal vén organizando nos últimos anos.

 

Rute Pallares, tesoureira do A.N.P.A. da escola, insiste no carácter participativo destas xornadas: “É importante que se dea a coñecer este tipo de actividades no barrio e que veña a xente de Teis, que colabore e que a escola faga parte da súa vida e da súa comunidade. Tamén queremos poñernos en contacto con outras escolas do barrio e compartir inquedanzas educativas e culturais”, afirma en declaracións a Sermos.

 

O C.E.I.P. de Teis conta actualmente cun 20 por cento aproximado de alumnas galegofalantes. Hai moito por tanto que avanzar no camiño da normalización. Con todo, Pallares explica que nesta zona de Vigo, "algo rural aínda que dentro dun núcleo urbano, hai moitos avós que falan cos seus netos en galego" e que no Paraixal, "existe unha sensibilidade especial polos dereitos lingüísticos”.

 



x