QUEREMOS GALEGO

“Comezaron contra o galego no ensino e agora atacan o galego nas administracións”

“Comezaron contra o galego no ensino e agora atacan o galego nas administracións”
Imaxe dun acto de Queremos Galego
Imaxe dun acto de Queremos Galego  

A plataforma cidadá considera que a sentenza do TSXG que tomba parte da ordenanza de uso do galego de Lugo racha “os acordos promovidos pola sociedade e concretados unanimemente polas forzas políticas”.


A plataforma cidadá Queremos Galego considera que a sentenza do TSXG que anula parte da ordenanza do uso do galego do Concello de Lugo, aprobada por unanimidade de todas as forzas en 2012, é “cumplicidade xudicial” nunha campaña contra a lingua propia de Galiza. Queremos Galego entende que a resolución, que “elimina o galego como lingua propia e oficial de Lugo, por non estar subordinada ao castelán e vir definida como lingua plena e de pleno dereito”, supón “rachar” acordos promovidos pola propia sociedade que tiñan o apoio unanime de todas as forzas. O portavoz de QG e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sitúa esta decisión no marco dunha “campaña contra os avances favorábeis ao galego”, avances que viñeron da man da demanda e a mobilización da cidadanía. ““Comezaron contra o galego no ensino e hoxe, coa participación directa do poder xudicial, atacan o uso do galego nas administracións públicas e servizos privatizados”.

“Estaría disposto o presidente Feixó a que de agora en diante unha sentenza ditase que a Xunta ten que ser La Junta, as Consellarías, Consejerías?"

Lembra que durante anos se viñeron aprobando na Galiza plans e normas favorábeis ao idioma propio do país sen problema ningún “agás unha minoría que non atura a existencia do galego nin como peza de museo”. E lamentou esta decisión xudicial, preguntándose “onde está a xustiza” cando en trámites e procedementos de obrigatorio cumprimento para o cidadán (Perante Facenda, a Seguridade Social, Interior...) non se pode empregar o galego ou cando hai “ataques” á toponimia legal e oficial.

Mobilizacións

Queremos Galego entende que o acontecido en Lugo sobarda o estritamente local para merecer unha resposta a nivel nacional. Así, a plataforma anunciou accións por todo o país en contra desta sentenza e “para animar a todas as forzas políticas e sociais a actuar lexislando a favor da nosa lingua”.

O primeiro acto decorrerá esta cuarta feira, 16 de marzo, ás 11.30 diante do concello de Lugo, apoiando a decisión do pleno oporse a esta sentenza. Segundo sinalou o portavoz, haberá outros actos até o día 1 de abril, data na que está convocado plenario da paltaforma, e apartir de aí cada localidade deseñará o seu calendario que culminará o 17 de maio cunha grande manifestación en Santiago.