Como calquer idioma nacional, por Xoán Costa

Como calquer idioma nacional, por Xoán Costa
Manuscrito gardado na RAG d´A man da santiña
Manuscrito gardado na RAG d´A man da santiña  

Cento e un anos, case, son os transcorridos desde que en decembro de 1918 Ramón Cabanillas asinou o manuscrito, hoxe gardado na RAG, da peza teatral A man da santiña.

Máis tarde, xa en 1919, o número 77 do boletín A Nosa Terra, correspondente ao 6 de xaneiro, publica a que seguramente é a primeira referencia a esa obra, unha comedia de tema amoroso que se desenvolve nun pazo, protagonizada por personaxes fidalgas.

A man da santiña foi encargada por Antón Villar Ponte e rematada un mes antes, segundo se desprende do manuscrito asinado o 7 de decembro de 1918. A súa estrea  tivo lugar  na Coruña o 22 de abril de 1919 e foi a primeira montaxe do Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado na Coruña nese mesmo ano de 1919 por iniciativa das Irmandades da Fala co obxectivo, en palabras de Peña novo de “ser base e preparación para o advenimento de bos autores e competentes actores que lle abran ao noso teatro amplo campo para un éxito triunfal". O percorrido do CNAG abrangue o período 1919-1922. A partir de setembro de 1919, o CNAG inaugurou a primeira "tempada teatral" galega: todos os domingos ao serán representaba no seu local unha ou varias pezas, con intermedio musical incluído. O salto cuantitativo fíxose evidente: se en 1917 o número de obras galegas escenificadas apenas chega á ducia, en 1919 ascende a un total de 52, cantidade que permite a Jenaro Marinhas afirmar que este Conservatorio "montou canto texto galego había naqueles momentos, e aínda botou mao dalgún portugués". Desde 1922 o Conservatorio pasou a denominarse "Escola Dramática Galega".

É con base  nesa mesma idea que quen escrebe a nota d´A Nosa Terra do boletín 77, concebe a finalidade de facer teatro galego en base a utilizar unha “fábula” moderna atendendo á dignificación momentánea e urxente do noso idioma pois, di o autor “nada xulgamos mellor que as obras teatrais de tema universal nas que interveñan personaxes de altura, escritas en galego. Obras nas que o galego sirva somente de meio de expresión como outro calquer idioma nacional”

Como calquer outro idioma nacional.

Ese continúa a ser o noso obxectivo