COMO DICILO?

Como como

Hai xente que anda como a galiña cos ovos
Hai xente que anda como a galiña cos ovos  

Se dicimos Ese rapaz é un pimpín, engánano todos estamos facendo unha metáfora. Se dicimos A ese rapaz engánano todos como a un pimpín estamos facendo unha  comparanza, unha comparación.

A vella distinción escolar diferencia entre estes dous tipos de atribución a unha persoa ou cousa de cualidades ou comportamentos que non lle son propios. No primeiro caso —a metáfora—  facémolo afirmándoo rotundamente (aínda que de xeito figurado), sen matizarmos nada. Por exemplo, na coñecida frase O home é un lobo para o home. No segundo —a comparanza—  introducimos un pequeno matiz mediante algunha palabra que expresa que a semellanza (de igual,  de máis ou de menos) non é real senón aparente. Así poderíamos dicir Ese rapaz come como un lobo. Como se fose, é dicir non o é aínda que o pareza.

Todas as linguas teñen un amplísimo fondo de comparanzas tradicionais e a miúdo coinciden estas en moitos idiomas. A proximidade cultural,  as formas de vida común e o medio natural e social  compartido propician ese troco. E, naturalmente, hai comparanzas universais, pois sénteas e enténdeas o conxunto dos seres humanos; así cando dicimos ser como o día e a noite, ser doce como o mel ou correr como un lóstrego.

Ao longo destes artigos de Como dicilo? no Sermos fumos xa aludindo a distintas comparacións (alegre como un pandeiro/unha gaita, contento como un cuco, comer como un pitiño, ir como un reiciño nun cesto, durmir como unha pedra, ser como mallar en ferro frío, etc.).

Imos engadir algunhas outras.

De primeiras, as referidas a adxectivos (e que se construirían co verbo ser ou estar) :

amargo como a xesta
bravo como un toxo
bo como o pan de comer
calado como un peto
duro como un croio
firme como un penedo
forte como un buxo
frío como a xeada
mollado como un pito
pobre como as arañas
torto como un fouciño
vello como os camiños

Outros referidos a diferentes accións verbais :

correr como o sapo pola cinza
andar como a galiña cos ovos
medrar como o leite no lume
sangrar como un carneiro
saír facendo "fúu" como o gato
darse como cogumelos
tremer como unha vara verde
quedarse como un paxariño
andar como a faba na ola

Naturalmente, a comparanza pode ser irónica, retranqueira, e así a temos en amiguiños como o can e o gato ou en parecerse como un ovo a unha castaña. E tamén podemos remitirno a un personaxe (real ou imaxinario)
como cando dicimos de alguén que fai como o mestre Cirola, que non sabe ler e xa pon escola.
    
Despidámonos, logo, cunha comparanza:

    Os teus ollos, queridiña,
    non son pequenos nin grandes :
    son como cunchas vieiras
    que andan nas costas de Rande.

Pois seica medianeiros tampouco non son.