QUINTA EDICIÓN DESTA OBRA

'Conflito lingüístico', de Francisco Rodríguez, “un clásico en plena vixencia”

'Conflito lingüístico', de Francisco Rodríguez, “un clásico en plena vixencia”
Marcos Maceira e Francisco Rodríguez, na presentación na libraría Couceiro
Marcos Maceira e Francisco Rodríguez, na presentación na libraría Couceiro  

Esta terza feira presentouse en Compostela a quinta edición da obra 'Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza', que 40 anos despois da súa publicación é un “clásico” da sociolingüística galega “en plena vixencia”, segundo Pilar García Negro. 


A quinta edición de 'Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza' (Laiovento, 2015) presentouse esta terza feira na compostelá libraría Couceiro. Trátase dunha nova edición revisada e acrescentada con novos artigos do autor, algúns deles publicadas no Sermos Galiza. No acto estivo acompañado por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que definiu esta obra como “un clásico vivo para a defensa da lingua que vai aumentando en cada edición, porque en cada unha vai incorporando novos artigos e novos debates adaptados á conxuntura do momento”. 

Na súa opinión estamos diante dun libro “de combate” diante da “españolización” que medra día a día. Francisco Rodríguez sitúa o problema lingüístico como “un reflexo da situación do país, subordinado a outro, infantilizado, non hai máis que ver a sentenza do TSXG sobre a ordenanza de Lugo”.

“Grande libro da sociolingüística moderna”

Segundo Pilar García Negro, profesora da UDC, 'Conflito lingüístico' “é o grande libro da sociolingüística moderna, por atinar no seu momento -foi publicado por primeira vez en 1976- cun diagnóstico fundamental e coa alternativa, a normalización, que tería que pasar por unha alternativa residenciada na propia Galiza e partir dela no seu conxunto, a nivel político, económico e social”. 

Ademais, salientou García Negro, Rodríguez incorporou as máis rigorosas ferramentas da sociolingüística e deu alternativas para a súa normalización, concepto que -sinalou a profesora- “daquela non existía, só falaba diso naquela altura Rafael Ninyoles”. 

Nel Vidal: "'Conflito' é unha obra capital para entender o conflito sociolingüístico en Galiza naquel momento"

Alén disto, a escritora sinala a “plena vixencia” do libro 40 anos despois: “Non avellentou nada, o que significa que moitos dos seus vaticinios, a maioría para mal, se foron confirmando ao longo do tempo”. Isto supón, sostén, que as súas análises “non respondían a un capricho ou a unha visión parcial ou sectaria, senón que era unha análise científica e baseada nos feitos, ademais de moi valente porque se enfrontou non só á dereita reaccionaria senón a toda a esquerda española que negaba a existencia do conflito lingüístico e que pretendía resolvelo a base de liberdade”. 

Para Nel Vidal, presidente da CTNL até o mes pasado, 'Conflito' “é unha obra capital para entender o conflito sociolingüístico en Galiza naquel momento. Algunhas das análises aínda son válidas, aínda que cambiaron moito os contextos e deberían cambiar as accións para que sexan efectivas”. 

Nova fase do conflito

Nesta quinta edición, Francisco Rodríguez explica que “estamos, pois perante unha nova fase do conflito lingüístico, aquela onde a confrontación ideolóxica e política é a cada paso máis inevitábel e necesaria”. A respecto desta cuestión, Vidal indica que “detrás das accións de políticas lingüísticas sempre hai unha intencionalidade política ou ideolóxica, iso está claro, pero nos usos reais da inmensa maioría da poboación non está esa intencionalidade cando elixe usar unha lingua ou outra. Si intervén e inflúe de forma colateral, pero non na intencionalidade do uso, e por iso ten certo perigo vinculalo á política, porque non vai estar directamente relacionado na gran maioría da poboación”. 

Mentres, García Negro concorda coas posicións de Rodríguez “porque aquí se produciu acumuladamente durante décadas unha política crecente de usos do español sen que houbese unha política normalizadora merecente de tal nome”. E, no entanto, “na minoría que practica a lealdade consciente coa lingua naceron elementos anestésicos, o que nos levou a unha situación crítica”. Por exemplo, sinala, o caso do centenario das Irmandades: “a pregunta que ninguén formula é, como temos a lingua?”.

Tamén Maceira coincide na análise do político e escritor: “Pasamos daquela fase narcótica da época fraguiana, a esta, na que houbo retrocesos nas conquistas. A última proba é a recente sentenza do TSXG, cada vez que se producen avances, hai respostas do outro lado”.