A PROPOSTA DE EN MAREA

O Congreso aproba garantir “a normalización da lingua galega e os dereitos lingüísticos”

O Congreso aproba garantir “a normalización da lingua galega e os dereitos lingüísticos”
O deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello. Foto: En Marea.
O deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello. Foto: En Marea.  

No medio da barafunda que, ao que parece, liquidou o Goberno Sánchez, unha significativa proposición non de lei impulsada por En Marea acadou apoio maioritario na comisión de Cultura do Congreso: o texto insta ao Executivo a “garantir a normalización da lingua galega e a cumprir cos dereitos lingüísticos recoñecidos”.
 


Partido Popular e Ciudadanos votaron contra a iniciativa, defendida polo deputado Miguel Anxo Fernán Vello, e centráronse unicamente nos castelanfalantes. “Queremos desmontar as falsidades e as mentiras da dereita e da extrema dereita”, retrucou Fernán Vello, “”en Galiza conviven dúas linguas pero o español ten un estatus superior ao galego, non hai igualdade”.

O congresista de En Marea estendeuse nas explicacións e colocou exemplos de “incumprimentos” da legalidade lingüística e do tratado internacional asinado polo Estado español Carta Europea de Linguas Minorizadas.

“Ser atendido en galego na Administración Xeral do Estado, non poder renovar o DNI ou o pasaporte en galego, nin recorrer unha multa ou poñer unha denuncia, os trámites na Axencia Tributaria”, foron algúns dos casos que mencionou. Tamén denunciou a “falta de respecto á toponimia oficial galega” por parte de ministerios e outros organismos do Estado.

“Vivimos nun Estado plurilingüe”, lembrou Fernán Vello, “mais os dereitos lingüísticos de galegos, vascos e cataláns incúmprense sistematicamente por parte da Administración do Estado. É unha anomalía incomprensíbel”. O deputado de En Marea fíxose eco das queixas recollidas pola Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística, a maior parte delas referidas ás administracións públicas, especialmente á do Estado e á Xunta.