O Consello de Europa envía o seu Comité de expertos para avaliar a situación do galego


O Consello de Europa envía o seu Comité de expertos para avaliar a situación do galego

O Comité de expertos do Consello de Europa estudará na Galiza o cumprimento da Carta Europea das linguas. A Mesa presentará un informe negativo e a CTNL denuncia a súa exclusión. 

O Comité de expertos do Consello de Europa reunirase esta segunda feira con diversas entidades e colectivos co fin de obter informacións e opinións sobre o grao de cumprimento da Carta Europea das linguas no caso do galego, despois de que o anterior informe fora claramente negativo para o goberno da Xunta. A Mesa xa avanzou que lle trasladará na xuntanza os incumprimentos en ámbitos como o ensino, a xustiza, a administración ou as relacións económicas e servizos sociais.  “É importante pór en evidencia que o Estado español e a Xunta de Galiza incumpren sistematicamente os tratados internacionais en materia lingüística”, sinala o seu presidente Marcos Maceiras. 

 O Comité de expertos examinará dos anos 2010 a 2013 e contrastarán a información aportada polo Estado para a elaboración dun informe que terá que pasará posteriormente ao Consello de Ministros do Consello de Europa. Os anteriores informes evidenciaron o incumprimento da Carta Europea no caso galego, de maneira especial no ámbito do ensino onde defendía que tiña que “ofertarse unha educación predominantemente en galego” así como na xustiza e na administración pública. 

“O desprezo do Estado e da Xunta polas linguas diferentes da española, en particular á galega, está nos máis altos niveis da historia autonómica, malia estaren comprometidos por tratados europeos como a Carta Europea das Linguas, que xuridicamente forma parte do corpo constitucional do Estado”, sinala Marcos Maceira presidente da Mesa, entidade que está a ultimar un informe para entregarlle ao Comité de Expertos na xuntanza da segunda feira. 

A CTNL denuncia exclusión 

Pola súa banda, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) vén de denunciar que o Comité de Expertos non vai ter en conta o coñecemento e a visión de quen traballa de maneira continuada no proceso de normalización lingüística en Galiza.  
 
Lamentan que o Comité, que se reunirá con diversas entidades públicas e colectivos sociais, non convocase á CTNL e o seu presidente, Nel Vidal, cualifica o feito como “un erro que empobrece o informe” xa que, ao seu ver, técnicos e técnicas poderían aportar datos, opinións e valoracións que farían que o documento final fose máis “completo e obxectivo”. A Mesa expresou tamén o seu malestar por non ter convocado outras entidades en defensa da lingua. 

Con respecto ao informe previo elaborado polo Estado, a CTNL denuncia que, con respecto ao galego, “non recoñece practicamente ningún problema e pinta unha situación case ideal, moi afastada da realidade». Ao igual que a Mesa, lembran que o anterior informe era “tremendamente crítico co goberno galego e denunciaba múltiples incumprimentos deste con respecto á lingua propia, mais a situación aínda foi a peor pois a acción da Xunta con respecto ao galego é de desleixo e desprotección”, din. 



x