COMO DICILO?

Contas

Ás veces as galiñas saen chocas
Ás veces as galiñas saen chocas  

Ás veces, non é que as cousas non nos saian ben senón que nos saen moi mal. E, daquela, xa non nos conformamos con frases da expresión lingüistica normal e cotiá (Saíume mal isto ou aquilo, Saíume mal a xogada ou o choio, ou o asunto, Saíronme mal os plans, etc) senón que buscamos unha expresión máis gráfica, que resalte a intensidade do desastre.  E acudimos ás frases feitas, máis expresivas.

Como Saír o tiro pola culata. Poderiamos utilizar esta locución? Seguramente si, o portugués utilízaa tamén (Sair o tiro pela culatra) mais tamén temos outras frases feitas tradicionais galegas non menos expresivas.

Por exemplo: Saír a Pascua a venres. É sabido que a Pascua de Resurreción, unha das festas máis importantes da liturxia cristiá, celébrase en domingo, non en venres, sexta feira. O resultado querido está, logo, moi distante do buscado, como se non se acabara de "chocar"; un malparto.

Tamén parece que Saír o can sen rabo parte desa mesma insatisfacción pois o animal non naceu "completo".  E Saír a cadela can indica o resultado ben diferente do previsto.

Dúas expresións máis insisten sobre os reveses que botan abaixo os proxectos económicos ou de subsistencia. Saír a porca capada ou Saír a galiña choca.

Igualmente temos a frase Saír grila, que debemos relacionar co feito de os rapaces colleren grilos e metelos nunha caixiña onde esperan que canten. Como é sabido, as femias dos grilos non cantan, por iso ante unha mentira dicimos Esa é grila!  e empregamos a expresión meter unha grila. Grila, e o seu sinónimo caroca (os dous existentes tamén en portugués)  e máis trola contan con variantes como grola, garola e adrola.

E indo xa aos números, falaremos de contas.  Parece como se nelas puidese haber un buraco polo que escapasen as cantidades, e daquela empregamos a expresión Saír as contas furadas. Pasa como coas famosas contas da leiteira que ve afundírense os seus proxectos, esvaírense no aire coma o fume. Non se poden botar as contas sen a taberneira, como xa dixemos máis dunha vez. Por iso unha cantiga galega aconsella :

    

Palabriñas, palabriñas,
todo se volve palabras,
se buscas algo con elas
sáenche as contas furadas

É dicir : números, datas, feitos, non palabriñas.

As  palabras non son sempre neutras e inequívocas. E o retruque que nos dean pode non levar sempre boa intención, como di estoutra cantiga de igual sentido na que esas palabriñas utilizan unha expresión ben enxebre en galego: facer conta é dicir ‘contar con, esperar’ :

    

Non hai cantiga no mundo 
que non teña o seu refrán,
nunca ninguén faga conta
senón do que ten na man

    
 



x