COMO DICILO?

Correr e voar

Correr e voar
Aquí o máis parvo fai culleres
Aquí o máis parvo fai culleres  

É galega a locución o que non corre, voa? En principio, parece que se trata dun calco do español el que no corre, vuela e que se documenta só a partir do século XX mais iso tampouco non fornece unha resposta definitiva, que precisaría dun estudo máis fondo. O que si se constata é que aos falantes tradicionais do noso idioma sóalles a importado, a ese galego "recente" distinto do deles. Na súa cultura hai outras locucións para expresar a mesma idea.

 

A frase non é o que entendemos xeralmente como refrán (unha paremia ou locución que presenta un aserto xeneralizábel a todos os momentos e situacións) como, por exemplo, Home pequeno, fol de veneno, O que non chora, non mama, Cereixas e mentiras, unhas das outras tiran, ou Agosto madura e setembro vendima as uvas.  Pola contra, a frase que comentamos aplícase en forma de advertencia ou de consello para un contexto, un lugar ou un momento determinado: Aquí o que non corre, voa, Hoxe en día o que non corre, voa. A advertencia, o consello, están claros: "Estamos nunha carreira e todas as persoas irán rapidamente facer o que ti dubidas polo que, se non te moves, has quedar baixo delas. Espile". A vida, segundo iso, non é cooperación senón competición

 

En portugués, a locución tamén existe (Quem menos corre, voa) mais o que si é certo é que —como diciamos— o galego tradicional conta con outras frases de sentido próximo a ela. Unha destas é O que pode puxa, e o que non, tarruxa, é dicir, o que é capaz sae para adiante, e o que non, desespérase, queda por baixo, no chan, a rente da terra. Ergo "Móvete! Espile!".

 

Tamén temos en galego para utilizar nese sentido, a frase feita O que non salta, brinca, é dicir: "Tes que ser moi áxil nesa carreira, que a outra xente vai moi rápido, a chimpos".

 

Curiosamente, o castelán Aquí el que no corre vuela, vai moitas veces acompañada dunha continuación…y el más tonto hace relojes, frase do mesmo carácter que nos advirte de estarmos ante competidores realmente intelixentes. "Tes que ser moi fino para non quedares atrás".

 

En galego existe outra locución equivalente a esta: Aquí o máis parvo fai culleres. Nesta frase aludimos nós á habilidade necesaria para elaborar a man, con navalla ou similar, as culleres de pau utilizadas dende tempos inmemoriais na cociña. Esas que se mercaban nas feiras

 

Seguiremos a falar de culleres no próximo artigo mais como despedida deste lembraremos estoutra cantiga :

 

 

O bandallo do meu home

vai na feira das culleres,

se mo vedes por alí

sacaimo de entre as mulleres

 

Non se perda o pobriño!