COMO DICILO?

Correr ou parar

Correr ou parar
Ven correndiño!
Ven correndiño!  

Cando queremos deixar constancia de que algo non nos interesa nadiña e que non imos mover unha palla para preocuparnos diso, podemos empregar o dito ben expresivo Tras do que non corro, non canso, é dicir: "Non penso perder un minuto nin fatigarme o máis mínimo nese asunto".

 

Algunhas persoas hanse sorprender co uso non pronominal do verbo cansar en lugar do pronominal ou reflexivo cansarse (non canso por vez de non me canso). As dúas son posibeis en galego e portugués, mais entre nós a forma máis tradicional é a non reflexiva (Cansaches ? Parece que estás canso). Aproveitamos para sinalar tamén o adxectivo cansativo ‘fatigoso, extenuante, etc.’ que é moi común en portugués e temos ouvido en galego co sentido de ‘que cansa, pesado, molesto’ (Cala, xa, ho ! Que cansativo te pos !). E se para moitas persoas resulta novo este adxectivo, tamén o ha resultar estoutro derivado en –ivo a partir dun verbo: herdativo. Para axudar a lembralo doadamente velaí unha cantiga recollida por Xaquín Lourenzo en terras da Limia :

 

O cantar é herdativo

e o bailar é de aprender ;

bendita sexa a meniña

que todo sabe faguer

 

Mais, volvendo ao verbo correr, diremos que o seu xerundio (correndo) admite a incorporación do sufixo –iño non como diminutivo senón como intensivo: Ven correndiño non significa "ven correndo pouco", senón "ven correndo moito".

 

O contrario de correr é parar, estar quieto, etc. e tamén resulta algo reiterativa e redundante a construción parar quieto, que tan empregada é en galego :

 

Para quieto, ho ! A ver se paras quieto dunha vez !

 

En fin, que de quen non para quieto (ou quieta) dicimos que non ten paraxe ou parada :

 

Esta rapariga non ten paraxe

Este neno non ten parada.

 

Temos en galego moitas locucións para denominar persoas destas características, sexan noviñas ou adultas. Algunhas delas repiten o verbo da acción que aquelas fan, subliñando así a continuidade (un bulebule, un fuxefuxe), outras aglutinan na locución palabras que manifestan ben o significado do conxunto (un furafollas, un fervellasverzas, un fervellocaldo, un fervellasfabas) ou forman un simple substantivo derivado do verbo que resulta claro (un fervello –de ferver- ou un fedello –de fedellar). Pode, mediante un uso metafórico ou unha simple comparanza, o substantivo remitirnos a un animal ou un obxecto que se caracteriza polo seu constante movemento (un besbello, un saltapalletas, un sarillo), ou unha sensación no corpo que obriga a moverse (ter o formigo/o formiguillo) Finalmente, unha frase enteira pode caracterizar esa persoa que non para moito tempo en sitio ningún, que é un cú de mal asento: non fai fume nun sitio/ non fai lama nun sitio.

 

E por aquilo de que no medio está a virtude imos fuxir dos extremos: nin correr nin parar, ímonos mover pouco a pouco. Son tamén moitas as locucións galegas que ilustran esa progresión tranquila. Repararemos só nun molliño delas: amodo, ao xeito, aos poucos, de vagar, engorde… ás que lle damos máis agarimo e as facemos máis calmadas se as poñemos en diminutivo: amodiño, ao xeitiño, aos pouquiños, de vagariño, engordiño, como amosa este arrolo recollido igualmente por Xaquín Lourenzo na mesma bisbarra :

 

Entrai ben de vagariño,

non vaiandes topexar,

que está durmindo o meniño,

non mo fagandes chorar

 

 



x