COMO DICILO?

Cousas e lousas

Cousas e lousas
Aspecto dunha lousa, un tipo de arxila metamorfizada
Aspecto dunha lousa, un tipo de arxila metamorfizada  

Hai cousas que mesmo parecen lousas. Velaí unha frase feita que recollía Federico Zamora no seu útil libro Refráns e ditos populares galegos  (Galaxia, 1972). Esa recadádiva presenta, con todo, unha eiva: non explica o sentido das frases. Afortunadamente, si aparece explicada a expresión nos traballos de Carme López Taboada e Mª Rosario Soto Arias Así falan os galegos e Dicionario de Fraseoloxía Galega (Xerais, 2008). Hai cousas que parecen lousas "dise dos despropósitos" e mais "dise cando algo semella disparatado".

 

Ë curioso porque os dous substantivos forman unha locución portuguesa que semella en principio ter un sentido distinto: coisas e loisas. 

 

António Nogueira Santos (Novos Dicionarios de expressões idiomáticas. JSC, 1990) explícaa como frase  familiar  que significa "muitas coisas variadas; muitos assuntos" e Guilherme Augusto Simões (Dicionário de expressões populares portuguesas, p&r, sen data) como "isto e aquilo". Ese, en certos contextos e locucións, é o significado da expresión  en todos os dicionarios portugueses dos que dispomos; porén, en certos contextos podería non estar moi lonxe da nosa -a que citamos enriba- se temos en conta o exemplo que dá José da Fonseca Lebre en Locuções e Modos de Dizer (Livraria Clássica Editora, 1924): Vocês estão para aí a dizer coisas e loisas; não sejam massadores; comam primeiro e conversem depois.

 

En calquera caso, coisas e loisas poden ser tamén en portugués cousas e lousas porque o diptongo oi ten moitas veces alén Miño a forma alternativa ou. Igual que en galego temos dialectalmente a variante en oi  fronte a ou (couro/coiro, nacedouro/nacedoiro, outro/oitro, etc).

 

Aproveitamos para sinalar a expresión galega cousa con cousa que aparece en frases como: Alí non hai cousa con cousa. Non dí cousa con cousa, Non deixaron cousa con cousa… Cousa con cousa é estaren elas ordenadas, ben dispostas, con coherencia, e o contrario é todo confusión, desorde, barullo, falta de sentido e estrago.

 

Cousa (ou cousa ningunha) pode ser locución equivalente ao adverbio de negación ‘nada’ como na frase Non fixo cousa en todo o día.

 

Repárese en que o tradicional en galego é colocar o indefinido ningún/ ningunha preferentemente despois do substantivo ao que acompaña. Diremos así, por exemplo Non existe problema ningún en facelo, aínda que tamén podemos dicir Non existe ningún problema en facelo. Mais nunca debemos dicir Non existe problema algún en facelo. Porque esa construción é un calco do español.

 

Rematemos cunha cantiga que, de seguro, os máis das lectoras e lectores terán cantado algunha vez :

            

            Aparta, loureiro verde,
            deixa clarear a lúa,
            que estou perdido no monte,
            non vexo cousa ningunha.



x