COMO DICILO?

Culleres

Un fragmento do cartaz da exposición "Quen ten vagar fai culleres"
Un fragmento do cartaz da exposición "Quen ten vagar fai culleres"  

Comentabamos no artigo anterior a expresión Aquí o máis parvo fai culleres e diciamos que unha culler de pau era unha peza difícil de realizar cunha simple navalla. Engadimos agora que quere tempo e xeito. Nesa liña entenderemos ben un dito popular que ten diversas variantes :

 

O vagar fai culleres

O lecer fai culleres

O tempo fai culleres

O xeito fai culleres

Quen ten vagar fai culleres

 

O sentido da frase é que con tempo suficiente todas as persoas son capaces de facer un labor considerado difícil; é, logo, unha frase que tamén se utiliza para animar alguén a facer algo pouco doado. Viría sendo algo así como “Con tempo todo se dá feito”

 

Tamén en portugués temos o dito: Quem tem vagar faz colheres, ao que pode engadirse de pau.

 

Este uso en positivo non desbota que ás veces se poida utilizar, alén e aquén Miño, en negativo, como medio de crítica. Quem tem vagar faz colheres (de pau) aparece así explicado como “quem não tem que fazer emprega o tempo en futilidades”.

 

A relativa ociosidade á que o labor de gardar as vacas ou as ovellas obrigaba os rapaces na vida do agro, facía que moitas veces estes se entretivesen en labrar cunha navalla un anaco de madeira, facendo unha culler ou unha figura. Esta iniciación artística non era en xeral máis que un lecer, aínda que houbo quen continuou esa actividade ao longo dos anos. Mesmo houbo artistas consagrados que comezaron de nenos a se achegar á arte por ese camiño, como foi o caso do gran escultor Xoán Piñeiro.

 

En calquera caso, a chamada Arte Pastoril resulta non só unha interesante manifestación etnográfica, senón unha vizosa mostra da arte popular. En Portugal leva tempo exhibíndose unha exposición que non por casualidade leva o título de Quem tem vagar faz colheres.

 

Facerlles rabo ás culleres é unha locución que cómpre unir a estoutra cando critica, pois alude a facer cousas inútiles, a perder o tempo sen realmente traballar: Levas todo o día facéndolles rabo ás culleres. Como se ve é unha expresión semellante á de mangar o cazo.

 

Non esquezamos a advertencia de Polo rabo da culler vai o gato á ola é dicir: “Ollo, que por unha regandixa pequena pode entrar o perigo!”.

 

Despidámonos hoxe cuns versos de Manuel María popularizados por Fuxan os Ventos e que constitúen unha homenaxe a estes rapaces e rapazas artistiñas.

 

Labrado da miña mau
fixen coa miña navalla
un aradiño de pau.

 

 



x