COMO DICILO?

De cans, por Henrique Harguindey

De cans, por Henrique Harguindey
Imaxe: Club can de palleiro
Imaxe: Club can de palleiro  

Unha nova entrega de 'Como Dicilo?'


Daría para varios artigos a fraseoloxía galega sobre os cans. Algunhas desas locucións  (O meu can pillou unha mosca, cheira a can, por un can que matei xa me chaman matacáns…) xa as temos comentado e outras son comúns con varias linguas polo que nos reduciremos, daquela, a algunhas frases só.

 

A maiores do significado propio do animal, atribuímoslle nelas distintas  características á súa vida.  Acertadamente unhas veces e outras non, pois sempre é abusivo xeneralizar e de aí ven que ás veces teñamos frases contraditorias entre si. Velaí expresións do tipo  de pasar máis fame ca un can, ser delgado coma un can, morrer coma un can, ser fiel coma un can,  poñer cara de can,  cariñento coma un can, traballar coma un can, etc.  Claro que as distintas e contraditorias frases explícanse polas diferentes épocas e tratamentos para  con estes compañeiros das persoas.

 

Hai algunhas locucións que aluden as persoas por medio deste animal  doméstico : non quedou can tras palleiro, todo canto e gato hai. É como cando en español se di todo bicho viviente. E aínda que os cans que tiñan dono andaban tradicionalmente ceibos na vida rural, moito máis era o caso dos cans sen dono. Uns e outros servían, en todo caso, de medida para distancias nunha frase tan usada e tan imprecisa como a carreiriña dun can. Mais debemos ter presente que andar a paso de can (ou de cadela) é andar lixeiro.

 

Os cans teñen sona de duros e fortes polo que dicimos  dunha persoa moi resistente  que ten carne de can, aínda  que os cans, naturalmente, sintan tamén igual que todo ser vivo. Non paran nin os cans define un momento de frío moi intenso.

 

Contarlle os pelos a un can caracteriza unha acción imposible e dame pan e chámame can ponse en boca da persoa que acepta de forma oportunista ser maltratada con tal de tirar proveito.

 

Meter os cans na bouza é unha frase que significa ‘encirrar’ (o castelán meter cizaña) e pelexar os cans pola carniza é disputarse encarnizadamente por un un botín.

 

Cando non vemos ou non atopamos unha cousa que temos practicamente diante dos ollos, recibimos a advertencia doutra persoa :
Se fose un can trabábate.

 

Andar de can é estar sempre fóra da casa, dun sitio para outro, de paseo ou de farra. Tamén pasea o can merendeiro, unha persoa que anda duns a outros traendo e levando contos, como un can  que come aquí e acolá en todos os sitios onde lle dan. Que perde o tempo, logo, sen cumprir a súa obriga. Xa o di o refrán : Can merendeiro non garda palleiro.
 

Velaí, para remate, unha cantiga  que advirte:

 

                        Non mas botes ao dereito

                        nin mas botes ás retortas,

                        que ben sei que tes de oficio

                        o meter os cans na bouza



x