COMO DICILO?      

De cortar o alento

De cortar o alento
Non é ben ficar sen alento
Non é ben ficar sen alento  

Entre os motivos polo que se pode producir nunha persoa un corte momentáneo do alento, unha interrupción da respiración, está o dunha repentina e fortísima impresión. Bate nela coma un lóstrego mais decontado se recupera, senón morrería.

Podemos falar dese corte da respiración como algo figurado: simplemente é recibir unha forte impresión. Iso indica unha frase que presenta variantes en distintas linguas: dende o cortar la respiración español ao couper le souffle francés. E de aí que, usada con valor de adxectivo, a frase de cortar a respiración signifique "impresionante". Normalmente nun sentido positivo: algo impresionantemente fermoso. Naturalmente, podemos construír a frase cunha certa variedade, sinalemos por exemplo o portugués de ficar sem fôlego, que ten como variante tirar o fôlego e é equivalente do español de quitar el hipo. Neste caso en galego poderiamos dicir quedar/ficar sen alento, quedar/ficar sen fala; moito mellor que un suposto quitar/tirar o impo (tradución sen máis do español cortar el hipo).

Hai varias palabras en galego que entran no campo semántico de respiración, forza, ánimo, etc. Sinalaremos  un par de sinónimos dalgunhas destas:

Folgo (ou folgos) ten como sinónimos respiración, ánimo, alento, forzas, azos.

Alento: folgo, respiración, hálito, ánimo, azos, forzas.

Azo (ou azos): alento, ánimo, forzas, folgos.

Con estas palabras fórmanse locucións máis ou menos literais, máis ou menos figuradas:

Dar folgo: dar tregua, dar un prazo. Írselle (ou acabárselle) o folgo: acabárselle a respiración, o ánimo. Tomar (ou pillar) folgos: recuperar os azos.

Nun alento: nun pulo, rapidamente. Cobrar (ou tomar) alento: recuperar ánimo e azos. Deixar sen alento: deixar alguén paralizado, sen reacción.

Non dar azo de si: estar totalmente paralizado, sen coñecemento e sen alento.

Sinalaremos tamén unha expresión cunha palabra próxima, arela ‘ansia, devezo’. Temos así Perder a arela ‘perder o ánimo’ locución sinónima dalgunhas formadas coas palabras anteriores.

E como remate volvemos aos folgos para lembrar que tradicionalmente en Galiza e Portugal dise que os gatos teñen sete folgos (ou, o que é o mesmo, sete vidas)
    

E terán.