A Deputación da Coruña destina 124.000 euros para favorecer a proxección comercial en galego de 13 películas

A Deputación da Coruña destina 124.000 euros para favorecer a proxección comercial en galego de 13 películas

Películas como Dhogs, A batalla descoñecida, Memorias dun home en pixama, A Estación violenta,Sicixia ou O soño de papá terán axuda pública para a súa distribución a través da nova liña que ven de resolver a Deputación da Coruña. A área de Cultura destina 123.000 euros á iniciativa pioneira da distribución de contidos audiovisuais en lingua galega.

A finalidade é achegar ao público as novas producións audiovisuais na nosa lingua. Festivais, casas de cultura, cineclubes ou salas comerciais difundirán películas en galego grazas a esta iniciativa de axudas creadas para contribuír a reducir unha das eivas fundamentais do sector que é conseguir que as producións cheguen ao público.

A nova liña é pioneira a nivel galego no ámbito da distribución de contidos audiovisuais, afirma a Deputación, e nesta primeira edición son once as empresas distribuidoras e produtoras beneficiarias que recibirán axuda para un total de 13 filmes. As axudas cobren o investimento en marketing, publicidade, dobraxes e subtitulados ou asistencia a festivais, entre outros conceptos.

"Un dos grandes problemas do sector audiovisual galego é a dificultade para a distribución e difusión dos contidos producidos e é nese ámbito xustamente onde quere incidir esta nova liña de axudas, que completa outras iniciativas da área de Cultura da Deputación da Coruña destinadas ao ámbito audiovisual, esencial para o fortalecemento da nosa cultura", sinala a vicepresidenta e responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Dhogs, A batalla descoñecida, O futuro da mente, Trote, Memorias dun home en pixama, A estación violenta, Co vento, O león dorme esta noite, Beautiful Boy, O desafío do Sil, Sicixia, Sea Bests e O soño de papá son os filmes que reciben apoio nesta primeira edición da convocatoria.