Deputación da Coruña estende a máis concellos as axudas para a creación dos Servizos de Normalización Lingüística

Deputación da Coruña estende a máis concellos as axudas para a creación dos Servizos de Normalización Lingüística
Goretti Sanmartín, durante a apresentación das axudas
Goretti Sanmartín, durante a apresentación das axudas  

Diminúe de 7.000 a 5.000 o número de habitantes que precisa un concello para concorrer á convocatoria de axudas destinadas á creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística.


Os concellos de máis de 5.000 habitantes -ben como as agrupacións de municipios e mancomunidades que, entre eles, alcancen esa cifra mínima- poderán concorrer á liña de subvencións en concorrencia competitiva da Deputación da Coruña para a creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística. A área de Lingua abre tamén a posibilidade a que se presenten á convocatoria as cidades da Coruña, Compostela e Ferrol, mais unicamente para a contratación de persoal técnico de reforzo.

Nas bases reguladoras da convocatoria, publicadas hoxe no BOP, contémplase o orzamento destinado á liña que será de 480.000 €, correspondendo un máximo de 12.000 € a cada beneficiario nunha distribución a partes iguais entre cada un dos participantes no programa. A Deputación continúa a incrementar unha liña que vira na anterior edición triplicado o seu orzamento que pasara de 150.000 € aos 432.000 € do pasado ano, duplicando tamén a cantidade recibida por cada un dos concellos que pasaba así de 6.000 a 12.000 euros. No anterior exercicio foran 38 as solicitudes  presentadas a respecto das 25 do ano anterior. Un total de 56 foron os concellos beneficiados fronte aos 39 da convocatoria previa.

 "A planificación lingüística require fundamentalmente de persoal. No noso país temos persoas altamente cualificadas e iso é o mellor que podemos oferecer para levar a cabo medidas de normalización do noso idioma", defende Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación que presentou a finais do mes de novembro as novidades da convocatoria nunha xuntanza con persoal político e técnico responsábel dos servizos. A convocatoria contempla, entre outras funcións dos SNL, o asesoramento a administración en política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación na materia, fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade, propoñer programas de dinamización ou mesmo mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración. 



x