Podemos e IU propoñen reformar o estatuto de autonomía de Asturies para dar rango oficial ao ‘galego asturiano’

Podemos e IU propoñen reformar o estatuto de autonomía de Asturies para dar rango oficial ao ‘galego asturiano’
Imaxe de Asturies.com
Imaxe de Asturies.com  

A proposición de lei pretende modificar o artigo 4 do estatuto de autonomía de Asturies para facer “oficial no seu ámbito territorial” o galego-asturiano. No Principado hai por volta de 40.000 galego-falantes.


O galego – tal e como recolle o portal lingua.gal- ten falantes en 15 concellos que fan parte do Principado de Asturies: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión. O filólogo e membro correspondente da Real Academia Galega Henrique Costas apontaba en 2014 que entre o Eo e Navia asturiano había por volta de 40.000 galego-falantes.

Malia esta realidade, o galego-asturiano ou galego-oriental apenas ten recoñecemento ou protección neste territorio. En febreiro de 2016 o concello asturiano da Veiga declaraba oficial o galego, o primeiro do Principado en dar o paso.

Agora, catorce deputados asturianos (9 de Podemos e 5 de Izquierda Unida) rexistraron unha proposición de lei de reforma do estatuto de autonomía para outorgar oficialidade ao asturiano e ao galego-asturiano. Estes parlamentares apelaron ao resto de deputados no hemiciclo asturiano para se sumar a esta iniciativa.

A reforma, rexistrada a pasada sexta feira, contempla unha modificación do artigo 4 do estatuto de Autonomía: “O asturiano e o castelán son linguas oficiais de Asturias. O galego-asturiano é tamén oficial no seu ámbito territorial e nas relacións da cidadanía coa administración autonómica. Unha lei da Xunta Xeral establecerá o réxime de uso e aplicación nas distintas administracións, tanto do asturiano como do galego-asturiano”.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística, e a través do seu presidente Marcos Maceira, xa mostraron o seu apoio a esta reforma.



x