ESPIMOS OS PROGRAMAS

As dereitas prometen restrinxir os usos e espazos do galego

As dereitas prometen restrinxir os usos e espazos do galego
Alberto Núñez Feixoo (dereita) e Pablo Casado. Foto: cedida.
Alberto Núñez Feixoo (dereita) e Pablo Casado. Foto: cedida.  

Hai novidades en materia lingüística nos programas dos partidos políticos que optan ao Congreso polas circunscricións galegas. As dereitas, representadas por PP e Ciudadanos, prometen abertamente restrinxir usos e espazos do galego. O campo progresista e nacionalista transita a vía contraria: pide o recoñecemento do plurilingüismo do Estado e mira cara á Lusofonía.
 


O programa co que o PP aspira á Moncloa nin sequera conta con apartado específico de Galiza. Valor seguro titúlase o documento. “Os símbolos do Estado deben ser respectados, sendo necesario respectar os elementos comúns da nación [española], especialmente a lingua de todos, o español”, constanel.

En liña con declaracións recentes do seu líder Pablo Casado e co asentimento implícito da franquía galega, os populares debuxan un futuro próximo “en que só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, polo menos, en castelán. Ninguén poderá ser sancionado se non se lle comunicou en castelán a infracción. Os sinais, paneis e placas urbanas e interurbanas utilizarán sempre, polo menos, o castelán”.

O PP chega a asegurar que “ninguén poderá ser multado ou sancionado por utilizar o castelán”. E que esta será a “lingua vehicular ordinaria do ensino en todo o territorio” estatal, aínda que “naquelas comunidades autónomas en que existan linguas cooficiais estas poderán ser previstas tamén como vehiculares”.

O partido de Alberto Núñez Feixoo, que non presenta achegas propias para Galiza, coincide con Ciudadanos na estratexia de redución do xa minguado status da lingua propia de Galiza. “”A única lingua cuxo coñecemento será un requisito indispensábel para o acceso a un emprego público será o castelán As linguas cooficiais poderán considerarse un mérito, nunca un requisito”, pon en Valor seguro. Nese mesmo sentido manifestáronse dirixentes de Ciudadanos, a falta de programa estatal ou de propostas concretas para Galiza.

“Ciudadanos vai ser a garantía de que o español sexa a lingua vehicular [no ensino] e que a ningún funcionario se lle esixa unha lingua cooficial para traballar”, afirmou nun mitin en Mallorca a deputada no Parlament e candidata ao Congreso Inés Arrimadas. Fontes da organización en Galiza confirmaron que esa é a liña a seguir para o galego: que sexa “mérito e non requisito”.

Plurilingüismo no Estado e vía lusófona


No campo progresista e nacionalista, a tendencia é diametralmente oposta. O recoñecemento efectivo do plurilingüismo do Estado atópase, con maior ou menor intensidade, nas propostas de BNG, En Común-Unidas Podemos, En Marea e Compromiso por Galicia. Nos 110 compromisos coa España que queres do PSOE non se mencionan as linguas, ningunha lingua.

De momento, o PSdeG non presentou apartado propio para o 28A e só dalgunhas intervencións de deputadas e deputados no Hórreo pode deducirse a súa oposición ás intencións das dereitas. “[Casado ten unha] política lingüística extremadamente perigosa”, afirmou Concepción Burgo, “e o Goberno galego vai pregarse a ela se ten ocasión”.

É nas outras formacións en que os asuntos lingüísticos están máis desenvolvidos. O BNG basea todas as súas reclamacións nunha inicial: a igualdade legal de galego e castelán, substanciada no estabelecemento do “deber” de coñecer o galego que xa existe para o castelán. A partir de aí esixe “a plena normalización da lingua na Administración central e no seu funcionariado”, “o respecto da toponimia”, “facilitar a dobraxe de filmes” ou que os medios públicos do Estado “fagan visíbel o idioma galego”. Isto último é tamén preferente para En Marea.

O Bloque tamén pide que o galego se poida estudar no ensino de todo o Estado. Coincide con En Común–Unidas Podemos ou con Compromiso por Galicia. Outra reivindicación compartida, de carácter estratéxico, é o achegamento ao mundo lusófono. O “recoñecemento do galego como lingua internacional” e a creación dunha Casa da Lusofonía con sede en Galiza figura no programa de En Común. No de Compromiso, a inclusión de Galiza na Comunidade de Países en Lingua Portuguesa.

Esta última organización e mais En Marea queren tamén protección e promoción para outras linguas do Estado que non posúen ningún rango de oficialidade, como é o caso do asturiano ou do aragonés.