O dereito a ser atendido en galego nos centros de chamada xeraría 2.000 empregos

O dereito a ser atendido en galego nos centros de chamada xeraría 2.000 empregos

A federación de Banca da CIG e A Mesa pola Normalización Linguística impulsan unha campaña coa que se pretende concienciar á sociedade galega da necesidade de esixirmos o dereito a ser [email protected] na lingua propia , demandar un dereito que permitiría crear traballo. Vídeo no Interior


A federación de Banca da CIG e A Mesa pola Normalización Linguística anunciaron o inicio dunha campaña nacional - 'Queremos atención en galego. Queremos traballo aquí'- para reivindicar o dereito a ser atendido en galego nos centros de chamadas das empresas que operan en Galiza. Isto, afirman, permitiría a creación de máis de 2000 empregos, para alén de “rematar coa discriminación do idioma nesta materia”.

O presidente da Mesa pola Normalización Linguística, Marcos Maceira, o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, xunto á responsábel dos Centros de Chamadas da central sindical, Laura Pérez Figueroa, compareceron para presentar os principais aspectos dunha campaña coa que se pretende concienciar á sociedade de que exixindo o dereito a ser atendidos no idioma propio de Galiza tamén axudan a crear emprego

CIG e MNL explicaron que até hai moi pouco as grandes empresas que operan en Galiza, e que teñen sub-contratados os servizos de atención telefónica aos clientes, mantiñan estes centros de chamadas no país. Mais na última década apostaron polo seu peche e deslocalizaron o servizo para centralizalo . No caso galego esta deslocalización “motivou o peche de numerosos centros de traballo que foron transladados a outras partes do Estado. Entre o ano 2010 e 2012 destruíronse arredor de 2.040 empregos”.

No marco da campaña distribuiranse uns cartóns postais que poderán enviarse ás compañías instándoas a garantir o uso do galego como lingua preferente en todas as súas comunicacións e nos servizos que teñan un contacto persoal, “agás que os clientes indiquen outra preferencia”. Tamén se lles demanda que nos casos onde se oferten diferentes opcións “o galego sexa sempre unha opción real”. Incidirase tamén na necesidade de solicitar que a documentación, facturas e formularios estean en galego. Para isto tamén se recollerán sinaturas a través de internet e con mesas nas rúas e realizaranse reclamacións colectivas.