(Des)vestindo a lingua

(Des)vestindo a lingua
Roupa
Roupa  

abarqueiro.- (Ademais do seu significado como substantivo) Termo que se utiliza para indicar que unha peza de roupa non acae ben por ser moi grande e folgada.

Exemplo: “Quita iso, que con esa chambra pareces un abarqueiro.”

Lugar de escoita.- Parroquia de Son (Navia de Suarna).

Fonte.- ENDL Navia de Suarna.

 

abitelo.- Vestido vello e gastado.

Lugar de escoita.- A zona de Amoeiro (Ourense).

Fonte.- Carlos Manuel Gómez Bóveda.

chelina.- Chaqueta longa (usada habitualmente por tratantes).

Lugar de escoita.- Vilalba e comarca da Terra Chá.

Fonte.- María Ladra Fraga.

Outros apuntamentos.- Enviada desde o Centro de Día de Abadín.

cinguideiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Mandil.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Outros apuntamentos.- Palabra recollida no Centro de Día de Portas.

garghelo.- Abertura da saia.

Exemplo.- “Ten unha saia con garghelo.”

Lugar de escoita.- O Pindo (Carnota).

Fonte.- Tamara Rodríguez Caamaño.

queitanas.- Zocas.

Exemplo.- No contexto da seguinte estrofa: "Santo pau de ameneiro/ irmán das miñas queitanas/ cando estabas no meu carro/ carallo como cantabas!"

Lugar de escoita.- Brión (Ferrol).

Fonte.- Jaime López Picallo.

tufela.- Bufanda.

Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.

Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.