COMO DICILO?

Diálogos

-"Palabra" -díxolle o lobo á cabra
-"Palabra" -díxolle o lobo á cabra  

No eido da Fraseoloxía (parte da Lingüística que estuda as frases feitas e locucións) os grupos de palabras adquiren, por riba da súa función habitual, a comunicativa, unha función expresiva, que é a que prima entón. As locucións, as frases feitas, non transmiten xa o seu significado literal, senón un novo. Se eu digo  Hoxe xantei nunha mesa de pedra, a frase toda ten un significado literal e o grupo nunha mesa de pedra significa o que significan literalmente as palabras que o forman; sintácticamente expresa un complemento circunstancial de lugar (nunha mesa) e un complemento determinativo de materia (de pedra); agora ben, se digo Hoxe durmín coma unha pedra, a frase non pode interpretarse na literalidade das palabras na función comunicativa (Durmín igual que dorme unha pedra) porque as pedras non dormen, senón que o significado da frase é novo, expresivo , de complemento circunstancial de modo, é como se fose un adverbio: Durmín profundamente. De aí que para esa expresividade as linguas adopten diferentes fórmulas referidas ben a un animal que hiberna, unha masa de materia inerte, un mineral compacto, etc. Dentro da variedade de escollas posíbel, sinalaríamos como máis arquetípico o exemplo de dormir como unha pedra en galegoportugués (en italiano dormire come un sasso), dormir como un tronco en español (en catalán dormir con un soc) ou o francés dormir comme un loir (un leirón).

 

Os grupos de palabras, as "unidades fraseolóxicas", poden ser breves e gramaticalmente seguir exercendo a súa función sintáctica con ese significado novo, mais tamén poden perder completamente a súa función significativa e gramatical, vella ou nova. Así a unidade fraseolóxica Manda chover na Habana! transmite outra función nova e totalmente distinta e única: a expresión dunha sorpresa (ou indignación, etc.) maiúscula.

 

As unidades coñecidas tecnicamente na actualidade como paremias son frases mais ou menos cortas que transmiten unha idea, unha conclusión, un ensino. Son adaxios e aforismos universais que cada cultura incorpora (O home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, O fin non xustifica os medios), locucións proverbiais (Amiguiños si, pero a vaca polo que vale, A non ter chega calquera), refráns —normalmente bimembres e rimados que pretenden unha aplicación válida en todas as situacións (Chegar e encher non pode ser, Baguiño a baguiño fixo a vella unha pipa de viño), etc.

 

Dentro das paremias son moi doados de recoñecer os dialoxismos. Consisten en atribuírmos a persoas, animais ou cousas falas que encetan ou completan un diálogo con outras persoas, animais ou cousas ou con nós propios. Pode que nelas apareza expresamente o verbo dicir :

 

-"Palabra" -díxolle o lobo á cabra

-Díxolle o leite ao viño: "Vén pra acó, meu amiguiño!"

 

-Verza: por que non coceches?

-Porque antes non me meteches.

 

Dado que neses diálogos vai algo de retranca, non sorprenderá que moitas veces a réplica dunha persoa nunha situación real dea pé a unha resposta bulreira doutra persoa en forma de dialoxismo:

 

-Ola!

-Non é pota nin cazola!

 

-E agora?

–Coller a pucha e pola!

 

-Cada cousa é para o que é!

-E o zapato para o pé

 

E velaí para remate outro dialoxismo que adopta a forma de cantiga (ou cantiga que adopta a forma de dialoxismo, pois que tanto ten):

-Preguiciña: queres pan?

-Si, señora, se mo dan.

-Pois vai buscar o coitelo.

-Ai, non señora, non quero!

 

Seica é traballo de máis.

 



x