COMO DICILO?

Diante

O fociño sempre co 'o' pechado
O fociño sempre co 'o' pechado  

É doado decatarse de que a orixe do adverbio de lugar diante está en de ante. Mais ese de que tiñamos antes témolo xa esquecido, polo que non dubidamos en volver poñelo, desta vez despois: diante de. O mesmo acontece co seu adverbio contrario, detrás (e detrás de).

Tamén, podemos mesmo repetir o primeiro de, co que o teriamos realmente tres veces: Estaba de diante de min. E, naturalmente, facer preceder ese diante por outras preposicións formando nalgúns casos diversas locucións prepositivas :

De aquí en diante ímolo facer doutra maneira

Iso non pode ir adiante

Levouno para diante dela.

Sinalaremos de paso que en zonas da Galiza mariñeira aparece con moita frecuencia a forma avante, procedente igualmente de ante (latín serodio ab ante) que as veces é apocopada, truncada no seu comezo, no seu diante, en vante.

Iso non vai avante.

De hoxe en vante temos que deitarnos máis cedo

Nalgunhas locucións facemos de certos adverbios de lugar un substantivo e normalmente poñémolo asociado ao seu contrario, en oposición a el. Dicimos así :

Levas a camiseta co diante para atrás

Puxeches a fotografía co de riba para abaixo

Levaba os calcetíns co de fóra para dentro

O diante, é dicir ‘a parte de diante —como o de riba ou o de fóra— pode tamén ser o de diante.

Esta construción tan tradicional é confundida as veces con cú diante/cú de diante debido á súa pronunciación na que convén deterse un pouquiño.

Como é sabido, o vocalismo galego conta con sete graos, sete vocais diferentes na pronuncia, na articulación. Cando dicimos co diante para atrás pronunciamos un o pechado, bastante próximo do u, de aí a confusión nalgunhas persoas. O mesmo acontece —por citarmos outro exemplo— na palabra fociño na que debemos pronunciar nos dous caso o pechado. E paralelamente o e pechado está moi próximo do i (o primeiro e de dereito ou de cereixa, por exemplo). De aí que no pasado se producira na escrita unha certa vacilación: fociño/fuciño, dereito/direito, cereixa/cireixa, etc. Agora, a normativa establece unha grafía, mais na prosodia, na pronuncia, debemos estar atentos para non caírmos en criterios alleos na lectura e na articulación mecanizada; non nos debemos deixar influír pola fonética do español (por moito que se nos venda envolveito na famosa "claridad del castellano"), senón polo trazo lingüístico propio, o da nosa lingua, a maior riqueza vocálica.

Lembremos, daquela, esta cantiga popular :

Heime de casar na aldea

anque sexa cun rapaz ;

heille de peinar o pelo

co de diante para atrás

E mais esta triada que non desmerece do escarnio e o maldicir medievais :

Cara de pan barolento,

heiche de virar o coiro

co de fóra para dentro !

 



x