40 ANOS DE GALEGO NO ENSINO

O difícil camiño da lingua nas aulas

O difícil camiño da lingua nas aulas
Manifestación de Queremos Galego
Manifestación de Queremos Galego  

O Boletín Oficial do Estado publicaba un 21 de agosto de hai 40 anos a norma oficial que abría a porta ao galego no ensino público. Aquel paso histórico iniciou a peripecia difícil, con voltas adiante e atrás, da lingua na escola. Expertas e activistas valórana, mais alertan da situación actual e do retroceso que supuxo, por primeira vez en catro décadas, o chamado Decreto do Plurilingüismo de 2010. A versión oficial, emitida desde a Xunta, resulta máis conformista.


“El presente Real Decreto tiene por objeto iniciar el camino para la incorporación de la Lengua y Cultura Gallegas al sistema educativo de Galicia durante la actual situación transitoria hasta la promulgación del Estatuto de esta Comunidad Autónoma, así como también sentar las bases de la regulación que con posterioridad haya de ser establecida”.

m_1_temaprimeiraEste é o corazón do Real Decreto 1981/1979 do 20 de xullo de 1979 e publicado polo BOE o 21 de agosto, asinado polo daquela ministro de Educación José Manuel Otero Novas, de UCD. “É unha norma significativa na evolución sociopolítica da lingua”, considera para Sermos Galiza o académico e sociolingüista Henrique Monteagudo, “que viña superar a normativa abertamente represiva da ditadura”. Ao seu ver, o texto marcou o ton do desenvolvemento lexislativo da cuestión. Para ben e para mal. “A lei practicamente estaba calcada da de Catalunya e non se adaptou á realidade galega”, analiza, “tampouco se complementou con medidas máis activas”.

Aquel primeiro chanzo abriu unha porta, si, mais non sen resistencias. “Houbo avances, é evidente, mais custou moito”, sinala a este semanario o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Menciona conflitos concretos en colexios como o do Foxo, na Estrada, ou nos Dices, en Rois. Aínda que a vía legal comezaba a se despexar, a vontade do profesorado batía adoito coas condicións sociais e políticas concretas. “A introdución do galego no ensino foi conflitiva, un éxito da mobilización social e da conciencia crecente sobre o que era a lingua”, completa Maceira, “as leis, xa desde ese inicio, foron atrás do que a demanda social”.

“Histórico”

A versión oficial, que desde a Xunta emite o actual secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, coincide no adxectivo “histórico” para se referir ao decreto de Otero Novas, salienta a “valentía” do ministro, galego de nacemento, e menciona o papel na sombra de Xosé Filgueira Valverde. “Pero a norma xerou rexeitamento nas comunidades educativas, hai que dicilo”, relata a Sermos, “houbo sobre todo pais e nais que non querían. E, paradoxalmente, no mundo  rural, onde máis se falaba”. En todo caso, o principal mérito que García detecta naquel primeiro movemento legal a prol do galego no ensino foi que “se decataron da importancia de asociar o futuro da lingua á educación”. 

[Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]