Educación reprende unha profesora por ensinar matemáticas en galego na Pontenova

Educación reprende unha profesora por ensinar matemáticas en galego na Pontenova
Imaxe da pizarra da aula de matemáticas impartida pola docente e pendurada por ela mesma nas redes sociais.
Imaxe da pizarra da aula de matemáticas impartida pola docente e pendurada por ela mesma nas redes sociais.  

Unha profesora do Instituto de ensino secundario Enrique Muruais, na Pontenova, vén de denunciar nas súas redes sociais o apercibimento administrativo por impartir clase de matemáticas en galego.


Nunha mensaxe pendurada no seu muro de Facebook, a docente do Instituto de ensino secundario Enrique Muruais, na Pontenova, explicaba que “o 100% do alumnado é galego falante. A profesora tamén aprobou hai 28 anos unha oposición para ser docente na Galiza”. A continuación, expón o seu método de funcionamento.

“Cada inicio de curso comento na aula que en 2010 a Xunta sacou un decreto que me 'obriga' a impartir as clases en castelán”, escribe, “falamos do sentido común e seguimos a entendernos de marabilla na nosa lingua”. Mais á Consellaría de Educación non lle vale.

“Esta semana a Administración contactou comigo para falarmos da miña desobediencia e lembrame que, na Galiza, as matemáticas non poden impartirse en galego, só en castelán ou en inglés!!!”.