COMO DICILO?

Ela e el

A xente sempre anda a ela
A xente sempre anda a ela  

Existe na nosa lingua un feixe de locucións formadas co pronome persoal suxeito de terceira persoa el/ela, eles/elas nas que destaca a maior presenza do feminino e case sempre cunha caracterización predominantemente negativa. Pegada do sexismo na fala?

É o caso da expresión ser ela que empregamos en galegoportugués para caracterizar unha situación grave, case de catástrofe, un conflito moi importante: Entón si que foi ela! Se quixeramos traducila en español por unha frase da mesma expresividade e da mesma intensidade penso que teriamos que acudir a Entonces se armó la gorda/se armó la de Dios/la de Dios es Cristo ou unha similar.

Esta mesma idea de disputa, de porfía, de enfrontamento, está presente noutra locución como estar nela/andar nela ou estar a ela /andar a ela:

Sempre andan a ela, o día enteiriño!

Todos entendemos que o que se di é que andan a discutir, a pelexar, a se botar ferretes, etc.

Esta pugna non transmite a idea dunha desigualdade entre os contendentes, senón dun equilibro, dunha proximidade de forzas. É por iso que cando nunha partida ou partido dúas persoas ou equipos van moi igualados se dirá que andan a elas: nun momento a vantaxe é da primeira e noutro da segunda, a cousa está disputada.

Tamén, cando dúas persoas discuten, poden acudir a dirimiren o resultado mediante o xogo (Imos a elas?) que se solucionaría a miúdo co doado e rápido chinchimonis (ao parecer nome procedente do inglés change money), xogo coñecido en español como los chinos. Esta é unha derivación moderna da morra, xa presente na Antigüidade no que o que cómpre adiviñar non é o número de moedas ou pedriñas senón de dedos das mans estendidos.

Noutras locucións, nesa ela/elas non está presente o sentido de discusión e pelexa, de competición, e a palabra ela/elas debe ser substituída por outra. Así, por exemplo, cando dicimos Hoxe non estou para ela/para elas querendo significar ‘Hoxe non estou para festa /para lerias, etc.’ Igualmente cando dicimos de alguén que bota por ela para expresarmos que presume, fachendea, fala de máis e sen medida nin autocontrol, enténdese doadamente que esa ela é a boca. Unha persoa desa caste é moi posíbel que se vexa reprendida irónicamente polo interlocutor ou interlocutora que lle diga con retranca: Bota por ela, Xan de Varela!

Non deixaremos de citar unha locución ben galega e ben curiosa, na que o pronome (neste caso masculino ou femenino, segundo o caso) vai construído con dúas preposicións: en por el/en por ela. Co verbo pórse/poñerse forma unha expresión que significa ‘establecerse pola súa conta, independizarse’. Por exemplo:

Esa rapaza traballou primeiro como avogada no despacho da nai e despois púxose en por ela.

Lembraremos unha cantiga tradicional dirixida a alguén de excesiva presunción:

 

Non botes tanto por ela!

Non teñas tanta fachenda!

Á túa porta non chegan

tantos carretos de renda!

 

Porque outramente han acabar dicindo de quen así fala que é un/unha botaporela.