ENTREVISTA A VALENTÍN GARCÍA

"O acordo histórico coas universidades é moi positivo para o galego"

"O acordo histórico coas universidades é moi positivo para o galego"
[Imaxe: Luis Polo] Valentín García
[Imaxe: Luis Polo] Valentín García  

Entrevistamos a Valentín García, secretario de Política Lingüística, sobre o acordo pioneiro na Galiza polo que se estabelece o galego como lingua na que impartir docencia en como mínimo o 80% dos créditos de seis graos universitarios.


A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acadou un acordo pioneiro na Galiza polo que se estabelece o galego como lingua na que impartir docencia en como mínimo o 80% dos créditos, correspondentes a materiais troncais, de seis graos universitarios.

Sermos Galiza conversa con Valentín García secretario de Política Lingüística sobre esta iniciativa que, segundo o previsto, arrincará en setembro e que o propio García considera como un “acordo histórico”, aínda que polo de agora só afecta a 3 graos dos 43 que se imparten na Uvigo (o 6,9%) e que son Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria. Na USC son dous graos dos 63 que existen (o 3,1%) sendo Xornalismo e Educación Social. A UdC tan só propuxo un grao dos 52 que se imparten (o 1,9%) que é Educación Social.

Foi un dos eixos principais da política lingüística na universidade

Que valoración fai deste acordo?

Trátase dun acordo histórico moi positivo para o galego. Este foi un dos eixos principais da política lingüística na universidade. Agora a proposta irá á Secretaría Xeral de Universidades para a súa aprobación e execución no próximo curso académico. Ten que ser aprobada ademais pola Comisión de Financiamento.

Conta con que se aprobe en ambos os organismos?

Non podo falar polo máximo órgano de control financeiro e de planificación das universidades, entre outros motivos porque non formo parte del, mais supoño que non haberá ningún problema. Esta comisión reúnese en outubro e o único inconveniente posíbel é que non haxa partidas orzamentarias suficientes para esa data. De todas as maneiras, nós contamos con que esta iniciativa arranque xa en setembro e temos tamén a previsión de que poida ser dotada de financiamento alén desta comisión.

Contamos con que esta iniciativa arranque xa en setembro

De onde xorde esta iniciativa?

Unha idea algo semellante xa fora prevista no plan de financiamento de hai tres anos das universidades galegas coa Xunta. Daquelas consistía en estabelecer unha duplicidade de itinerarios, por exemplo, nun grao impartido de maneira bilingüe en galego e castelán, estabeleceríase un outro itinerario alternativo co 80% de docencia en galego.

Hai carreiras como Comunicación Audiovisual que en Vigo entran dentro da proposta pero en Santiago e na Coruña non. O mesmo acontece con Educación Infantil e mais Primaria, que en Vigo si entran na oferta e nas outras fican fóra, ou Educación Social que na UdC e USC si se impartirá en galego mais na UVigo non.

Cada universidade fixo a súa proposta. A escolla dependeu delas e de feito cada unha propuxo un número diferente de graos, a Uvigo tres carreiras, a USC dúas e a UdC unha. Desde Política Lingüística non podemos dicir á universidade que graos ou que número deles terían que participar nesta iniciativa. Son elas quen poden tomar a decisión.  

Unha idea algo semellante xa fora prevista no plan de financiamento de hai tres anos das universidades galegas

Dáse o paradoxo de que Xornalismo en Santiago entra dentro da iniciativa mais non o fai Comunicación Audiovisual, pese a ambos graos partillaren grande número de profesorado, materias, instalacións e mesmo edificio.

Neste caso acontece o mesmo, a proposta de graos para teren o 80% da docencia en galego son a proposta de cada universidade.

Ningún dos graos é do ámbito científico e tecnolóxico.

A primeira pretensión nosa era incidir neses ámbitos precisamente, porque é onde máis atraso levamos. Pero temos que aceptar o que nos din as universidades. Por algo hai que empezar, de momento estamos con estas cifras.

É vostede optimista en que proximamente se amplíe o número de graos?

Estou convencido diso, son optimista por natureza. Os cambios sociolingüísticos precisan tempo, e que graos como Comunicación Audiovisual ou Xornalismo, orientados precisamente á comunicación e con grande carácter práctico, estean nesta iniciativa coido que farán de efecto dominó para que outras carreiras se unan.

Creo no profesorado universitario e nos seus departamentos e sei que se van comprometer

Cumprirá o profesorado coa docencia en galego?

Desde logo. Creo no profesorado universitario e nos seus departamentos e sei que se van comprometer.

Que seguimento se realizará?

Por parte dos servizos de normalización lingüística das universidades presentarase a final de ano o balance e os resultados, e terán que certificar que se impartiu ese 80% de aulas en galego.