CAL É A FORMA CORRECTA?

Entroido, antroido ou carnaval?

Entroido, antroido ou carnaval?
[Imaxe: Concello de Verín] Cigarróns no entroido de Verín
[Imaxe: Concello de Verín] Cigarróns no entroido de Verín  

A Real Academia Galega recolle até seis formas para referírmonos ao período do ano entre febreiro e marzo en que as rúas se converten en esmorgas ateigadas de disfraces. Cal de todos estes nomes é, polo tanto, o recomendábel


Entroido, antroido, entruido, entrudio, entrudo e carnaval. Son estas as palabras que aparecen no dicionario da Real Academia Galega como denominacións da festa que fai vibrar todo o país nos meses de febreiro ou marzo. 

Todas elas teñen a súa orixe nun étimo común, a palabra medieval entroido, que aparece documentada no galego desde 1251. Só hai unha excepción: a palabra carnaval, de procedencia italiana. O lingüista e académico da RAG Antón Santamarina explica a orixe e distribución das variantes do termo.

Conta Antón Santamarina que para elixir unha palabra ou outra como recomendación no dicionario, os académicos e académicas baséanse nunha serie de criterios como é “a proximidade e vinculación coa orixe etimolóxica, a maior representatividade no territorio e a tradición literaria máis documentada”. Neste caso, o termo entroido cumpre todos os requisitos.

lingua

A forma medieval da palabra era entroido, derivada de introitus, un participio substantivado do verbo intro-ire en latín. Significaba a entrada na Coresma. “No TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) foi recollido algunha vez como ontroido”, di Santamarina, “pero débese a unha mala segmentación do artigo”.

No TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega), unha base de datos lexicográfica con máis de mil obras onde se rexistran as palabras segundo foron usadas por diferentes autores desde o ano 1812 até a actualidade, existen até 15 variantes da palabra, recollida 1.392 veces.

Con todo, entroido é recollida 793 veces e antroido 526. Outras formas que aquí aparecen son antroide, antroiro, antrudio, antruido, entrudio, entrudo, entruido, intrudio, intruido, ’ntroido, ‘ntroiro ou n’truido. Entre todas non suman un cento de veces.

entroido_antroido_ILG_pages-to-jpg-0001“No ALG (Atlas Lingüístico Galego) pódese observar que a palabra entroido é usada en 64 concellos, mentres que antroido en 50”, engade Antón Santamarina. Polo tanto, entroido cumpre amplamente todos os requisitos esixidos para ser a forma recomendábel.

Tamén está a forma carnaval. Carnaval é unha palabra de orixe italiana, carnevale, que pasou logo a outros idiomas europeos como o francés, o castelán ou mesmo o portugués (desde mediados do século XVI). “Son practicamente sinónimas, mais hai un matiz de rexistro que fai que a palabra carnaval se manteña no dicionario” explica Santamarina.

En entroidos importados, onde se usan carrozas, se bailan sambas ou se usan antefaces é recomendábel usar a forma carnaval.