COMO DICILO?

A escape

Usain Bolt, a piques de se lanzar a correr a todo filispín
Usain Bolt, a piques de se lanzar a correr a todo filispín  

Falamos xa hai tempo de locucións que caracterizan unha acción ou progresión lenta, como a modo e outras semellantes. Corresponde tamén, pois, falar de mecanismos gramaticais e locucións que marcan a présa, a rapidez ou a inmediatez temporal. Xa citamos os adverbios e locucións adverbiais axiña, decontado, pronto, deseguida/enseguida, etc e expresións como a fume de carozo, a lume de biqueira, no virar dunha man, nun vira-vira, nun chiscar de ollos, ser un bulebule, un fervello, un sarillo, etc. e había que engadir andar nunha roda viva e outras equivalentes a non ter paraxe.

Aínda convén lembrar a escape, a correr, á presa, nun pulo, nun brinco, ás carreiras e outras locucións que indican rapidez. Entre as distintas frases feitas que serven para exemplificar desprazamentos veloces, hainas que aluden aos modernos medios de viaxe como a toda máquina ou a todo tren. A este grupo semella pertencer unha expresión de primeiras desconcertante: a todo filispín; a locución seica procede do inglés full speed que rotula unha das distintas posibilidades na panca de velocidade dun motor ou nunha maquinaria: a velocidade máxima. Viría sendo, logo, igual que a toda velocidade, a toda mecha. Porque a frase ten un aquel de familiaridade e de humor, de expresividade amistosa.

Igual rexistro familiar teno a locución moderna ir/andar mangado, na que o verbo mangar ten o significado de ‘lanzar, precipitar, arremesar, botar con moita forza’. Sobre este modelo apareceron tamén ir/andar fungado e mais ir/andar furado,  expresións doadas de entender pois a primeira alude ao ruído dun motor que funga ao acelerar e a segunda ao feito de un vehículo atravesar vertixinosamente o espazo furando o aire.

Claro que non sempre o que anda a escape (a pé ou nun motor con tubo de escape) anda escapado. 

Para o verbo escapar, fuxir, e para o verbo marchar (sexa ou non precipitadamente) ou para o que expresa sinxelamente o sentido de botarse a andar temos en galego un bo feixe de locucións para utilizarmos en lugar do español poner pies en polvorosa, tomar las de Villadiego ou pies ¿para qué os quiero?

Hai expresións que simplemente describen a acción no seu movemento (apertar as pernas, bater coas patas, bater o zoco/darlle ao zoco) en tanto que outras aluden ás consecuencias dese movemento (sacar o formigo dos pés). Outras aínda enuncian sinxelamente o feito de poñerse a camiñar (tocar a andar, coller o andante) ou reclaman figuradamente a axuda dos pés (chamarlles aos pés compañeiros) ou insisten no carácter repentino e precipitado da marcha (non pedir pan para o camiño). E, naturalmente, hai comparacións elocuentes (fuxir como un lóstrego, como unha lebre ou como un can coa vincha ao rabo).

Un grupo de expresións moi curiosas aluden ao preparativo que posibilita a marcha (largar a tranqueira, darlles sebo ás canelas) ou aos fatelos e ferramentas necesarios (coller os frois ao lombo, coller/tocar o pendín) ou á actitude da marcha (tocar de esgueiro, irse de esgueiras). Lembremos que a tranqueira vén sendo a tranca que mantén pechada a porta, que os frois son os útiles e a roupa miúda que se levan como muda nunha viaxe, que esgueirarse é apartarse, desviarse, oblicuarse, e que o pendín viría sendo un manto.

Unha frase alude inequivocamente aos afiadores: coller os ferros e a roda.

Ao nos despedirmos, honraremos a memoria deses traballadores infatigábeis que percorreron o mundo nunha vida dura e sen paraxe, de moi difícil arraizamento nun lugar.  Farémolo co anaquiño dun poema escrito por Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey) unha das persoas que máis teñen feito por dignificar e popularizar aquela figura. Nel emprega o autor tres palabras do barallete, a fala propia dos afiadores: cambuzar (‘mudar, trocar’), tola (‘taberna’) e meixúa (‘pousada’).

Dálle así coa roda cen voltas ao mundo,
cambuza a diario tolas e meixúas
e despois de andare por tódalas rúas
fúndese coa terra baixo un ceo de chumbo.

E cando lle pregunten por como vai a súa saúde e a súa vida en xeral, ha responder, incansábel  como sempre: Ímola virando!



x