Un estudo da Academia constata a perda do galego “en zonas perirubanas”

Un estudo da Academia constata a perda do galego “en zonas perirubanas”
CEIP Agro do Muíño, en Ames. Foto: cedida.
CEIP Agro do Muíño, en Ames. Foto: cedida.  

“O CEIP Agro do Muíño é un exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galiza”. Así de contundente se amosa a Real Academia Galega despois de presentar os resultados do informe A lingua no CEIP Agro do Muíño, “un dos estudos máis completos sobre o galego nun centro escolar”.
 


O documento, coordinado polo Seminario de Sociolingüística da Academia que dirixe Henrique Monteagudo, alerta sobre a “perda de transmisión xeracional familiar do idioma”. O traballo de campo no colexio realizaouse a través de enquisas administradas desde o propio centro a 492 familias de infantil e primaria, 330 alumnos e alumnas de primaria e 36 docentes. O espazo periurbano é un concepto urbanístico que se adoita definir por substracción: o que non é nin cidade nin campo, mais próximo á cidade.

“Preto de catro de cada dez familias de fillos e fillas galegofalantes constataron que ao iniciaren a escolarización estes comezan a falar máis castelán”. Deles, un 64% afirmou que a mudanza se produciu na segunda etapa de infantil, cando os cativos teñen entre 3 e 6 anos. Un 20%, “que o cambio se remonra á primeira etapa de educación infantil, de 0 a 3 anos”.

O informe, de 84 páxinas, detense nos tres sectores principais do ensino, as familias, o alumnado e o profesorado. Aínda que o diagnóstico é máis ben sombrizo, o texto sinala as vías de escape para reverter a situación. “Ao seu favor, máis da metade das familias do CEIP Agro do Muíño manteñen o galego en maior ou menor medida, un cuarto das familias son galegofalantes e aproximadamente a metade son bilingües”, asegura.

“A lingua que está aprendendo a falar a metade do alumnado de primaria do semiurbano de Santiago de Compostela, en concreto do Agro do Muíño, é fundamentalmente o castelán”, comezan as conclusións dun estudo, o da Academia Galega, que finzaliza cunha serie de “propostas de liñas de actuación” ao respecto.

Dentro destas últimas, o documento recolle medidas dirixidas aos tres elementos analizados, profesorado, alumnado e familias. “É preciso dotar aos nenos e nas procedentes de familias castelanfalantes de referentes en lingua galega”, di, “traballar a conciencia metalingüística e aumentar así a resistencia ao cambio das nenas e nenos inicialmente galegofalantes”.

O Concello de Ames, cuxo salón de plenos acolleu esta cuarta feira a presentación de A lingua no CEIP Agro do Muíño, comprometeuse a “aproveitar esta información para seguir a traballar nesta dirección nos múltiples eidos en que ten capacidade de acción, desde a rede municipal de servizos educativos complementarios de conciliación ata as actividades deportivas e lúdicas dirixidas ao público máis novo”.

Para o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, “a lingua galega ten problemas”. “Debemos detectalos e comunicalos socialmente”, engadiu, “un dos ámbitos fundamentais para o presente e o futuro do idioma son as familias e a escola, mais tamén a socialización de rapaciños e rapaciñas que empezan a abrirse ao mundo alén da contorna familiar. O galego non pode ser unha realidade estraña a eles”.



x