Un estudo da Mesa conclúe que ningún banco dos que opera en Galiza garante o dereito a usar o galego

Un estudo da Mesa conclúe que ningún banco dos que opera en Galiza garante o dereito a usar o galego
Caixeiro
Caixeiro  SG

A MNL constata que "tan só 33,33% das entidades garante o uso do galego na web, unha porcentaxe menor que o de linguas non oficiais como o inglés, que está presente en 42% dos casos". 


A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o informe ‘O uso do galego nas páxinas web das entidades bancarias’, un documento no que analiza como empregan os bancos o galego nas súas páxinas web, aplicacións e caixeiros, con especial fincapé naquelas que teñen un convenio público coa Xunta e que actúan pois como servizo para realizar pagamentos de multas, taxas, bolsas, sancións e demais procedementos administrativos de obrigado cumprimento.
 

Segundo este estudo, “ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua” e unicamente 4 das 14 "entidades financeiras colaboradoras" ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios (pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos…), ofrecen servizos web en galego.

"Cada día é mais habitual", advirte Marcos Maceira, presidente da Mesa, "realizar as actividades bancarias mediante Internet. De forma que aos galegos e galegas impónselles a obriga de realizar os trámites obrigatorios e públicos en español sen opción en galego, a pesar de pagaren taxas e prezos á Xunta".

"Tan só o 33,33% das entidades garante o uso do galego na web, unha porcentaxe menor que o de linguas non oficiais como o inglés, que está presente nun 42% dos casos", denunciou Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e responsábel do Observatorio de Dereitos Lingüísticos.
 

"Se a Xunta, os 315 concellos e as catro deputacións non son capaces con todos os millóns de euros que xestionan de conseguir que as entidades bancarias cumpran a legalidade en cuestións tan básicas, tan sinxelas e baratas, como as van facer cumprir outras cuestións máis complexas?

Entre as entidades con convenio público, Abanca, Banco Sabadell, Caixabank e Caixa Rural Galega contan cunha versión en galego nas súas páxinas web, mentres que BBVA, Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, Bankia, Caja Rural Zamora, Ibercaja, Targobank e Banca Caixa Geral non ofrecen ningunha versión na lingua propia de Galiza. Abanca, Banco Sabadell e Caixabank ofrecen, tamén, a posibilidade de usar o galego tanto nos caixeiros como na aplicación móbil, aspecto que non cumpre Caixa Rural Galega.

"Preocupante"

A entidade considera especialmente preocupante o feito de que tanto Santander (e todas as súas filiais) como BBVA non traduzan a súa páxina web, xa que entre ambas as dúas suman o 40% das contas bancarias da Galiza Ambas as dúas entidades teñen, porén, versión das súas web en catalán e, no caso do BBVA, en inglés.


"Os poderes públicos galegos teñen a obriga de garantir o dereito a usar do galego, por iso, han de promulgarse medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua como a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de Medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que presentou no Parlamento de Galiza en 2017 a Mesa pola Normalización Lingüística" recordou Quintas.

"Se a Xunta, os 315 concellos e as catro deputacións non son capaces con todos os millóns de euros que xestionan de conseguir que as entidades bancarias cumpran a legalidade en cuestións tan básicas, tan sinxelas e baratas, como as van facer cumprir outras cuestións máis complexas?" inqueriu Maceiras.



x