Un estudo prevé a imposición paulatina do castelán sobre o catalán

Un estudo prevé a imposición paulatina do castelán sobre o catalán
Un castell, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade (Moixiganguers d'Igualada).
Un castell, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade (Moixiganguers d'Igualada).  
Os modelos matemáticos empregados na investigación, baseada nun século de convivencia lingüística entre o catalán e o castelán en Catalunya, prevé a imposición do castelán en Barcelona máis na súa área de influencia, mentres que o catalán faría o propio no resto do territorio.

O castelán seguirá gañando falantes pouco a pouco. Iso se desprende do estudo que un equipo interdisciplinar no que participan os catedráticos da USC Jorge Mira e Henrique Monteagudo, acaba de publicar na revista Palgrave Communications, do grupo editorial Nature.

O castelán seguirá gañando falantes pouco a pouco, malia que sería viábel a coexistencia das dúas linguas ao longo de varias xeracións.

O estudo, baseado nun século de convivencia lingüística entre a lingua propia e oficial de Catalunya, o catalán, e o castelán, tamén oficial; tira de modelos e técnicas matemáticas para comprobar se a coexistencia futura entre ambas as dúas linguas pode ser duradeira.

A investigación conclúe que os dous idiomas convivirán dun xeito estábel a longo prazo, aínda que o castelán tenderá a gañar terreo”, destacan os autores.

Investigadores e datos

modelo catalan okXunto a Mira, catedrático de Física Aplicada, e Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega, ambos os dous académicos da RAG, forman parte desta investigación o físico Luís F. Seoane, primeiro autor do artigo, pertencente á Universitat Pompeu Fabra e ao Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos da Universitat de les Illes Balears e CSIC, así como o sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo.

O traballo agregou as fontes de datos máis extensas e recentes do Institut d’Estadística de Catalunya, e nunha fase intermedia implicou medir dous parámetros que achegan, segundo a percepción dos falantes, o prestixio de cada unha das linguas e canto parecido gardan entre si.

O castelán gaña prestixio

“A sorpresa xurdiu ao estudar os datos de Barcelona e a súa área metropolitana separados dos do resto de Catalunya”, sinalan os autores. “Mentres que na cidade condal ambas as dúas linguas se perciben cun prestixio similar, no resto de Catalunya o prestixio percibido é maior para o castelán, pese á presenza dominante do monolingüísmo catalán” subliñan.

O maior prestixio do castelán propiciou un certo declive histórico do catalán na meirande parte de Catalunya.

“Este maior prestixio do español propiciou un certo declive histórico do catalán na meirande parte do territorio”, afirman. Pola contra, din, as opcións monolingües en catalán e castelán seguen traxectorias parellas en Barcelona e a súa área de influencia; mentres que o bilingüismo tende a aumentar década tras década.

Coexistencia das linguas

Os modelos matemáticos empregados suxiren que o castelán seguirá gañando terreo, malia que sería viábel a coexistencia das dúas linguas ao longo de varias xeracións.

Baixo condicións de polarización extrema entre os diferentes grupos, explican, o modelo prevé que o castelán se imporía en Barcelona e na súa área de influencia mentres que o catalán faría o mesmo no resto de Catalunya. Neste sentido, a gran base de monolingüismo en catalán fóra de Barcelona sería capaz de sobreporse ao maior prestixio que estes falantes perciben no castelán.

Poder preditivo

O estudo, advirten os autores, foi elaborado a partir da evolución do uso das dúas linguas en Catalunya ao longo do último século. Porén, de producirse algunha situación que alterase o escenario sociolingüístico de forma drástica -como podería ser a independencia, que a zona se vise afectada por grandes migracións, ou que se aplicasen políticas lingüísticas moi agresivas en calquera sentido- o modelo podería perder o seu poder preditivo.