"Eu restituín os meus apelidos"

"Eu restituín os meus apelidos"
[Imaxe: Xián Rodríguez] Andrea Martíns
[Imaxe: Xián Rodríguez] Andrea Martíns  

Manuel, Ana, Horacio, Andrea, Suso, Xosé Antón, Saleta, Xosé Lois e Rocío son unha pequena mostra dos milleiros de persoas que decidiron restituír os seus apelidos (algúns tamén o nome) á súa forma orixinal. Uns fixérono antes de 1999, coas dificultades que implicaba a galeguización, e outras máis recentemente.


5De Lorenzo, Barja, Vijande, Martínez, Bermejo, Bocija Rey, Seijo e De la Iglesia a Lourenzo, Barxa, Vixande, Martíns, Bermello, Bocixa Rei, Seixo e Da Igrexa. Elas e eles decidiron romper a cadea e poñer fin á deturpación nos seus apelidos. Suso Bermello e Xosé Lois Seixo fixérono antes da Lei 40/1999, malia os trámites complexos que debían superar.

 

“A miña familia foi sempre Bermello, e téñoo rastrexado até o meu tataravó. Tamén sei por un estudo que fixera na facultade que no século XVIII existían Vermellos, con v, mais non puiden enlazar iso coa miña familia”, explica Suso. Os seus tíos maiores foran rexistrados en Arzúa como Bermellos, mais ao seu tío menor –nado en 1932– e a seu pai –nado en 1937– inscribíranos como Bermejos. “É curioso porque na partida de nacemento de meu pai pon Jesús Bermejo, hijo de Antonio Bermello, e nunca soubemos a que se debeu”, sinala. Anos após, os dous Bermellos viraron Bermejos, “imaxinamos que foi cando morreu o meu avó e tramitaron toda a documentación”.

 

Suso coñece a intrahistoria a partir dunha pescuda que fixo no rexistro de Arzúa en 1996. A súa restitución non foi doada, tivo que documentar todo o que acontecera cando decidiu recuperar o seu apelido orixinal. “Fíxeno antes de nacer o meu fillo, quería que se consolidase Bermello”. Aínda así, di que sempre lle ficou “a espiña” do b-v.

 

Xosé Lois Seixo:  “Agora o acto administrativo é do máis simple e quen non o fai é porque non quere”

 

Tamén foi complexo o trámite para Xosé Lois Seixo, quen mudou o nome e o apelido de vez. Colle a resolución xudicial para informarnos de que pasou de Seijo a Seixo o 2 de xuño de 1999, meses antes da aprobación da lei que facilitaría o proceso. “Acudín ao rexistro civil, fixen un escrito fundamentado e tiven que acompañalo con documentación que acreditase que Seixo era o uso que viña facendo na miña vida cotiá e cunha certificación da UDC que avalaba Seixo como forma correcta. Unha vez conseguín a resolución xudicial do Ministerio de Xustiza fun xa acompañado de meu fillo Miguel e de miña filla Saleta ao rexistro civil e solicitamos os tres o cambio, porque nos parecía o lóxico e coherente”, afirma. “Agora o acto administrativo é do máis simple e quen non o fai é porque non quere”, sentencia.

 

Saleta, pola súa parte, di que sempre asinaba Seixo, “no instituto chegara a ter algún problema puntual cun profesor, que me dicía que non podía asinar Seixo cando no meu DI puña Seijo”. Subliña que “Seijo non existe, en tal caso, en español eu tería que ser Saleta Cuarzo”.

 

Rocío Da Igrexa: "Entrei no xulgado como De la Iglesia e saín como Da Igrexa"

 

Rocío Da Igrexa quixera restituír o apelido antes de 1999 mais desbotouno dada a complexidade da tramitación, “no xulgado de Cerceda dicíanme que ía ter problemas porque, como somos oito irmáns, ía aparecer como disgregada da familia”. Non cesou no empeño e en 2002 presentouse cunha partida de nacemento no xulgado da Audiencia Provincial da Coruña, onde entrou como De la Iglesia e saíu como Da Igrexa. “Foi un proceso moi sinxelo”, engade. Organismo por organismo, tivo que mudar toda a documentación, “no meu caso era algo máis dificultoso porque son autónoma e tiven que comunicarllo á clientela, distribuidores, a Facenda por dúas vías…”. No seu día custoulle o enfado do pai durante 15 días, porque “chegaba á taberna e dicíanlle que eu renegaba del”. “Mudar o apelido parecíame que era o máis normal e non quería seguir cargando con esa deturpación”, engade. Outra irmá, Luz, tamén se sumou ao cambio.

 

Manuel Lourenzo galeguizou o apelido no xulgado de Redondela en 2008, “cun documento sinxelo e sen presentar documentación ningunha que avalase a forma correcta”. En dous meses, era oficialmente Lourenzo. “Só tiven un problema a posteriori no banco, mais resolveuse facilmente”, sinala. El sumouse á restitución “como exercicio de coherencia e para acabar coa deturpación”. “Malia todos os avatares históricos, a lingua resiste tamén nos nosos apelidos”, di.

 

Xosé Antón Bocixa Rei: "Os nomes e apelidos son un patrimonio inmaterial que conserva a nosa historia; falan de nós como pobo"

 

Xosé Antón Bocixa Rei quixo mudar nome e apelidos ao defender que “son un patrimonio inmaterial que conserva a nosa historia; falan de nós como pobo”. Na súa parroquia, Meirama (Cerceda), soubo dun Bocixa e tamén dun lugar chamado así. Decidiu restituílo antes do nacemento de Saínza, a súa filla, para llo transferir. “De entrada, a funcionaria que recolleu a solicitude pedíame que certificase o cambio unha persoa experta mais, ante a miña insistencia, accedeu e galeguicei nomes e apelidos sen ningún problema”, narra.

 

Ana pasou de Barja a Barxa en 2009, con 17, “fixémolo meu pai e eu á vez, antes de eu facer os 18, para non ter que repetir o proceso”. Unha vez o galeguizou seu pai, a Ana restituíronllo directamente, “só tivemos que cubrir a solicitude e achegar as partidas de nacemento”, afirma. “Tivera un pequeno problema cando sacara o carné de conducir, pois fixera o exame teórico antes dos 17 e o día do exame un dos examinadores empezou a dicir que nos papeis puña Barja e no DI Barxa. Porén, ao final resolveuse”, conclúe.

 

En 2013 foi o ano en que Andrea deixou de ser Martínez para ser Martíns. “Falei cunha profesora miña de Filoloxía Galega e fíxome un papel en que explicaba que a forma galega era Martíns. Cando entreguei a documentación no xulgado, o funcionario non entendía o cambio, pois dicía que Martínez era galego”. Aínda que mudou o apelido paterno, casualmente, á casa da familia da nai chámaselle “A casa de Martíns”.

 

Horacio Vixande: “Por que Facenda sabe de cada euro que gañas, mais ignora que restituíches o apelido? É unha decisión política”

 

Para Horacio Vixande, a restitución “foi como un deses propósitos de principios de ano que non acaban de cumprirse porque sabes que son unha carreira de obstáculos”. Salienta que “o acto de deturpación dun apelido é político, instantáneo e automático, mais a súa restitución require un trámite administrativo. Lamenta, ao respeito, que o Estado non sexa neutral, “é máis difícil restituír o apelido que converter un apelido en composto, xa que neste caso só intervén o Rexistro Civil”. Aínda así deu o paso en 2016. “Foi aínda máis tortuoso do que pensaba”, admite. Refírese ás taxas que hai que pagar polo pasaporte, e á mudanza na documentación do seu carro e á identificación ante distintas administracións, ao non existir “unha xanela única”.

 

“Por que Facenda sabe de cada euro que gañas, mais ignora que restituíches o apelido? É unha decisión política”, afirma Vixande, que xa se apelidaba así, de maneira oficiosa, había moitos anos, mesmo nas nóminas e nos contratos de subministración de servizos.

 

Queres restituír o apelido?

 

A restitución dos apelidos pode facerse efectiva cunha simple instancia, sen necesidade de informes que amparen a mudanza, perante a persoa encargada do Rexistro. Porén, existen exemplos dos impedimentos de funcionarias e funcionarios que lles poñen trabas ás persoas á hora de exerceren os seus dereitos. Aínda en 2017, A Mesa pola Normalización Lingüística desenvolveu unha campaña de mobilización social contra o Rexistro de Corcubión por impedirlle a unha moza restituír o apelido a Rei, ao alegar que “Rey” pertence “ao acervo nacional [de España]”, cando Rei é a forma galega orixinal. Precisamente, A Mesa pola Normalización Lingüística, a través da súa web (sección Recursos), facilita un modelo de instancia para restituír os apelidos.

 

Un trámite doado após 1999

 

A Lei 40/1999, de 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde dos mesmos, representou un punto de inflexión á hora de restituír os patronímicos. A citada norma facilitou en maior grao o procedemento ao permitir que as mudanzas nos apelidos non ficasen exclusivamente en mans dunha xuíza ou dun xuíz. Explícanolo o daquela deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, quen desenvolvera un papel fundamental na aprobación da lei. O diario de sesións do Congreso aínda recolle unhas palabras que espertaran sorpresa e chanzas no hemiciclo: “A […] ninguén se lle ocorreu dicir que a Varela había que chamalo en español varilla; a Piñeiro, pino; a Leira, finca, a Ferreiro, herrero; a Cancela; cancilla […] o señor Rajoy tamén é un posuídor de terras na Galiza, un nome xermánico, e non é Rajoy, senón Raxoi […] e o señor Ameixeiras é Ameijeiras; ameixeiras na Galiza son as ameixas, mais non lle chaman señor Ciruelo”.

 

[Esta reportaxe foi publicada no número 292 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x