“Europa debe atender todas as súas linguas e non só 24”. Iniciativa para que a UE asuma a diversidade lingüística

“Europa debe atender todas as súas linguas e non só 24”. Iniciativa para que a UE asuma a diversidade lingüística

A rede NPLD presentou en Bruxelas a súa proposta de folla de ruta para a diversidade lingüística, un proxecto froito de catro anos de traballos que xuntou representantes de Galiza, Gales, Catalunya, Bretaña ou Frisia.


“Europa ten que dar cabida a todas as súas linguas e non só a 24”, en referencia ás hexemónicas dos diferentes estados membros da UE, afirmou Patxi Baztarrika, presidente da rede NPLD pola diversidade lingüística, na presentación da versión definitiva da folla de ruta para a diversidade lingüística. Un documento que pula pola igualdade dos idiomas que vén de se presentar oficialmente en Bruxelas coa finalidade de que a UE o asuma.

Esta folla de ruta é froito de catro anos de traballo do NPLD, sumando gobernos e parlamentos rexionais, entidades e organismos do eido académico, favorábeis á defensa e promoción das linguas minorizadas de Europa. Representantes de Galiza, Catalunya, Valencia, Bretaña, Euskal Herria, Gales, Frisia e Friul, entre outros, tomaron parte neste proxecto.

O documento argumenta que todas as linguas “xogan un papel determinante na cohexión social e o desenvolvemento persoal, social e económico, así como na mobilidade” en Europa. Por iso, afirma esta iniciativa, as institucións comunitarias deberían defender todos os idiomas que se falan no continente e dar un soporte “activo ás linguas máis vulnerábeis, as rexionais, minorizadas e ameazadas”.

“As institucións da UE deberían de se por á fronte do fomento do multilingüismo real e diverso”, sostivo Baztarrika, que lembrou que somentes o 3% das linguas do mundo son autóctonas de Europa.

Información tirada de Nationalia



x