COMO DICILO?

Extremo e fin (pondo o ramo), por Henrique Harguindey

Extremo e fin (pondo o ramo), por Henrique Harguindey

Rematando, logo, esta serie de Como dicilo? que xenerosamente acolleu Sermos Galiza, falaremos hoxe moi rapidisimamente das extremidades (brazos e mans, pernas e pés) e o seu reflexo na fraseoloxía.

A locución a brazo aberto significa ‘con toda a forza’ e a poder de brazos ven sendo ‘a base de esforzo físico’. Tamén falar polos cóbados ( como en español hablar por los codos e en portugués falar pelos cotovelos) indica falar moito e son frases equivalentes dela falar polas orellas, falar os sete falares ou falar por sete.

Levar un brazo inmobilizado, pendente do ombreiro ou do pescozo (o español en cabestrillo) é para nós levar un brazo á estribeira ou traer un brazo ao colo. En relación con isto sinalaremos que por terras do Morrazo, cando unha muller se vía nesa circunstancia recibía a pregunta: Tiveche un mociño? Seica se supuña que podía ser o efecto de levalo no colo.

A man daría para ducias de palabras e locucións que as forman. Ás veces o mecanismo é patente, podendo nós  atopar as palabras separadas ou unidas : unha man chea/unha manchea, a man tenta/a mantenta, ter man/ termar.  A metonimia unha man/unha manada indica un cantidade imprecisa, en principio cinco como os dedos, podendo anunciar máis, e un mangado é a cantidade que cabe nunha man. O tintimán é o tempero, o correcto funcionamento dun aparato, ou do pulso dunha persoa (e de aí que dicimos collerlle/saberlle, etc.  o tintimán (o que en español se chama el tranquillo). A man ven sendo ‘perto ou de acceso doado’ e o seu contrario é a trasmán (cadrar a man/a trasmán). Un/unha man aberta é unha persoa moi xenerosa ou que deixa escapar o diñeiro, que non ten man dos cartos.

A locución estar man sobre man significa estar a persoa ociosa, non traballar e gañar pola man caracteriza a situación de alguén adiantarse, coller a iniciativa antes doutra persoa que contaba realizar unha acción.

A frase exclamativa En boas mans está o pandeiro !  ten habitualmente un uso negativo, non de felicitación senón de queixa, e é moi expresiva cunha man diante e outra detrás para caracterizar a pobreza, é dicir en nudez total e tapando  as «vergoñas». E a tan elocuente cunha man chea de nada e outra de cousa ningunha non precisa explicación.

As pernas son familiarmente chamadas as canelas (por unha metáfora que as considera como canas tesas e finas, como caniñas, can-elas) e de alí ven a locución en canelas, é dicir coas pernas núas, ao aire. E falamos da barriga da perna (tamén en portugués)  ou o papo da perna, ou aínda da mazán da perna para nos referirmos á parte carnosa traseira situada entre o xeonllo e o tornecelo.

Apuntemos un consello que pode ser útil : A perna doente no leito, a man doente no peito.

E finalmente, imos co pé. Aínda que non tantas como coa man, habería expresións en abundancia como a propia de a dar co pé, é dicir ‘en cantidade’, o que tamén coloquialmente dicimos a patadas. Seguiriamos con locucións como  a pé feito ‘intencionadamente’, ou a pé quedo ‘sen se mover nadiña’, ou polo seu pé ‘polos seus propios medios, sen axuda’. Habería que agrupar unha serie de frases que indican ‘camiñar ou proceder con moito coidado, moi cautelosamente’ como andar con pés de lan/con pés de manteiga/con pés de ferro, andar como a galiña cos ovos, andar a pisar ovos, andar nos bicos dos pés, cos pés no aire, etc. E rematariamos con frases feitas como meter os pés polas mans  ‘enganarse moito, cometer un groso erro’  (o que coloquialmente tamén se di en galegoportugués meter a pata) e que probablemente procede de constatar un exceso de precipitación ao vestirse e facelo de xeito disparatado.

 Unha locución adverbial moi utilizada tradicionalmente en galego é ao pé de para indicar proximidade, quer no espazo, no tempo ou na cantidade (Haberá ao pé de dous quilómetros /Chegou ao pé das doce /Costoulle ao pé de doucentos euros).

Remataremos esta serie como nos gusta facelo en cada artigo, cunha fermosa cantiga popular.

Daremos  antes, de novo, o noso agradecemento explícito a Sermos Galiza que tan imprescindíbel é para a continuidade da nosa lingua, e que nos acolleu durante dous anos. E ás lectoras e lectores que seguiron con paciencia estas suxestións e con certeza han seguir amosando a súa preocupación polo emprego dun galego de calidade; en moitos e ben útiles traballos de especialistas han topar seguro proveito.

 Ven moi a xeito, pois, esta cantiga :

            Teño eu unha filliña,

            lista como un allo é ;

            inda me non ten un ano

            e xa anda polo pé.

E se recibe o agarimo da lingua ha falar galego. E do bo !



x