Facenda veta o galego na atención telefónica

Facenda veta o galego na atención telefónica

Mentres circula a campaña “Eu declaro en galego. É lóxico. Por dereito”, Facenda ordena ás traballadoras e traballadores empregar o castelán para a atención telefónica. Veta o galego, o catalán e o vasco.


Desde o mes de marzo, a Asociación de Funcionarias pola Normalización Lingüística desenvolve unha campaña para que as persoas contribuíntes escollan o galego á hora de presentaren a declaración da renda. Numerosos representantes da cultura, manifestáronse a favor de o facer. Porén, Facenda ordena as súas traballadoras e traballadores prestar a atención telefónica só en español.

Segundo a Plataforma per la Llengua, Facenda vén de lle pedir ás súas empregadas e empregados, a través da rede interna, que non ofrezan nunca a opción de atender as persoas usuarias en ningún dos idiomas das nacións sen Estado. Só se poderá facer, recolle a notificación, “se o contribuínte esixe utilizar esta opción”. Non obstante, apunta que “non a ofreceremos porque ao solicitar a cita non é posíbel escoller un idioma oficial”.

A ONG do catalán, como se define a entidade, comprobou que “nin sequera cando o contribuínte quere ser atendido en catalán se lle garante a atención nesta lingua. En diversas ocasións, os operadores da campaña da renda deixaron claro que non era posíbel derivar a chamada a un departamento que atendese en catalán”.

Neste sentido, a plataforma critica que “goberne o PP ou goberne o PSOE de Sánchez” non se garantan os dereitos lingüísticos dos cataláns, “os catalanfalantes pagan impostos a Facenda pero son tratados como cidadáns de segunda e non teñen os mesmos dereitos que os castelanfalantes”.

Denuncias da Mesa

Non é a primeira vez que se denuncia a discriminación lingüística por parte de Facenda. A Mesa pola Normalización Lingüística ten feitos públicos casos como o dun usuario ao que a Axencia Tributaria contestou que “a Constitución fixa o deber de saber español”.

Tamén dera a coñecer A Mesa que outro usuario devolveu un ingreso da administración tributaria como mostra de protesto coa maneira en que a AEAT trata a lingua galega. Previamente, advertira de que o programa PADRE non permitía o uso do idioma propio de Galiza.