LINGUA

Fala Ceibe esixe ás formacións políticas que defendan o galego no Bierzo

Fala Ceibe esixe ás formacións políticas que defendan o galego no Bierzo
[Imaxe: Xabier Lago Mestre] Pintada no Bierzo
[Imaxe: Xabier Lago Mestre] Pintada no Bierzo  

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentou as súas demandas lingüísticas ás formacións políticas perante a cita electoral do 26 de maio. Emprazan ademais os partidos políticos a rachar “coas dinámicas históricas antigalegas”.


Con motivo das eleccións do 26 de maio, desde o colectivo Fala Ceibe do Bierzo veñen de presentar unha serie de demandas ás formacións políticas esixindo que teñan en conta a existencia de galegofalantes na Seabra zamorana e no Bierzo occidental.

É por iso que tamén solicitan compromisos políticos para un maior cumprimento do estabelecido na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias no que se refire ás persoas galegofalantes do Bierzo. A ese respecto lembran aos partidos que non se está a cumprir co artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Castela e León onde se cita que a lingua galega “gozará de respecto e protección nos lugares en que habitualmente se utilice”.

Non se está a cumprir co artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Castela e León

En canto ao ensino solicitan que “o galego sexa de oferta obrigatoria por parte de todos os centros educativos do Bierzo occidental” así como en todos os niveis educativos para que o alumnado poida exercer a súa demanda voluntaria con liberdade.

Desde Fala Ceibe queren que nas Cortes de Castela e León se aprobe unha Lei de linguas rexionais para que teñan máis protección xurídica o leonés, o galego e o éuscaro de Burgos. Neste senso, afirman que o galego debería ter capacidade de iniciativa nas Cortes autonómicas e na oficina do Procurador do Común.

Estatuto de oficialidade para o galego

Chaman tamén a que o galego do Bierzo sexa recoñecido co estatuto de oficialidade, mediante unha reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León. “Só deste xeito se poderá evitar a nosa discriminación lingüística actual con relación á Galiza”, afirman.

Trasladan a necesidade de dotar o Consello Comarcal do Bierzo dun maior protagonismo no fomento do galego

Nas súas reclamacións ás forzas políticas, trasladan a necesidade de dotar o Consello Comarcal do Bierzo dun maior protagonismo no fomento do galego, como determina a súa lei de modificación de 2010. Nesta dinámica “será clave a creación dun servizo lingüístico que promocione o galego nos entes locais, consello comarcal, concellos e pedanías”, aseguran.

O colectivo Fala Ceibe xa presentara o pasado ano un convenio inter-administrativo entre Castela e León e Galiza para que o galego fose unha lingua viva e presente nos entes locais do Bierzo: concellos, consello comarcal e pedanías. Remitiron ademais en 2018 un documento aos partidos políticos con representación nas cortes castelás e no parlamento galego para pedirlles que presentasen proposicións non de lei para lograr un convenio Castela-Galiza sobre o galego neste campo.