COMO DICILO? (2)    

O falar ten cancelas

O falar ten cancelas

Coa linguaxe expresamos as nosas necesidades, sentimentos e ideas. Expresámosllelos ás outras persoas. A nosa fala, pois, móvese entre o individual e o social.  É unha ferramenta de comunicación –cos demais, claro- que ten que valer para o colectivo mais ao tempo nútrese das aportacións individuais. Constitúe un conxunto estábel no territorio e no tempo, necesario para asegurar a intercomprensión e a continuidade, mais tamén se alimenta constantemente das creacións que a anovan para que non se enferruxe e perda a utilidade. Prodúcese unha tensión entre o control da colectividade, que incorpora ou rexeita elementos novos e vellos, que depura, e o individuo, que ten un papel activo, creador, non unicamente repetitivo. Para avantar é preciso o equilibrio.

Os países artellan medios de espallamento e unificación da linguaxe dentro da propia comunidade. A estrutura da Administración, o Ensino, a rede da Cultura e os medios de comunicación son nos nosos días o eixo fundamental. E ese dobre camiño de ida e volta cúmprese coa difusión homoxeneizada da lingua e coa proxección de persoas de gran peso social que chegan mesmo a influír lingüísticamente sobre a cidadanía.

Prodúcese unha tensión entre o control da colectividade, que incorpora ou rexeita elementos novos e vellos, que depura, e o individuo, que ten un papel activo

Non podemos evitar esa influencia, mais si reivindicarmos o papel de utilizadores autónomos e conscientes da linguaxe. De creadores a partir do noso. A nosa expresión non pode ficar reducida a unha pobre caricatura: ás veces damos mágoa (e mesmo risa). Imaxinemos alguén dicindo:

A día de hoxe, ata onde eu sei, o que hai é que facer os deberes, iso vai a misa.  En calquera caso, e como non podía ser doutro modo, hoxe non toca. Para nada, vai ser que non: dalgunha maneira non hai química

A construción esmagadora do noso discurso a base deses elementos –por outra banda importados recentemente ao galego dende o “madrileñí”- acábao afogando, empobrecido e ridiculizado. Sería ben mellor dicir:

Na actual situación, polo que eu entendo,  o que hai que facer é cumprir as obrigas, iso é indiscutíbel. En todo caso, e como resulta evidente, agora non é o momento diso. En absoluto, a resposta é “non”: en certo sentido non hai sintonía. 

Ou empatía. Ou feeling.

Porque non se trata de montarmos barreiras que impidan os préstamos entre linguas nin de mantermos artificialmente conxelado un estadio  da lingua por riba da Historia, senón de crearmos e innovarmos partindo da cohesión idiomática.



x