SON DERIVADAS DO GALEGO

As falas do Ellas, unhas linguas sen normativa

As falas do Ellas, unhas linguas sen normativa
[Imaxe: Luís Pereiro] San Martiño de Trebello, no Val do Ellas
[Imaxe: Luís Pereiro] San Martiño de Trebello, no Val do Ellas  

A continuación, reproducimos unha peza escrita por Mariví Berrío Carrasco, especialista na Fala –variedades derivadas do galego no Val do río Ellas- como complemento ao A Fondo que publicamos no Sermos Galiza 184 sobre a lingua nesta zona de Estremadura.


O valverdeiro (Valverde), lagarteiro (As Ellas) e mañego (S. Martiño de Trebello) ata agora tiveron pouco contacto co castelán (administración, escola e comercio), pero a escola foi a principal vía de castelanización. Na actualidade para perduraren precisan unha norma escrita flexible inter e supradialectal, pois ata agora as formas da escrita foron tantas como falantes.

O Grupo Xálima pretende unha reintegración do xalimego no portugués. Non reclaman o xalimego na escola, pois o portugués xa é optativo no sistema escolar estremeño. A norma reintegracionista proposta para o xalimego (glotónimo para escrita unificada reintegrada) foi rexeitada por asociacións e plenos municipais. Exemplo: As nossas preocupaciõs passam por dir jogando ũa partia polo caminho da casa dos zagais da Rosa.

Para a asociación A Nosa Fala son os falantes os que deciden como escribir e así, dándolles unhas leves indicacións ortográficas. Propón liberdade para escribir como cada un queira porque, xa que non hai ensino na Fala, a xente non pode aprender norma ningunha pero ten dereito a escribir. Así, cociña poderá escribirse como coziña, cociña, codiña, cudiña, cuciña e cuziña, e todas serán formas válidas. Este modelo ultrafoneticista é o que empregan os concellos de Valverde e As Ellas, cada un na súa fala particular. Exemplo (en lagarteiro): As nosas priucupaciós pasan pul dil ishugandu unha partía pul u camiñu da casha dus dagais da Rosha.

Unha norma sobre a base galega estándar

Por último, algúns filólogos galegos e valegos propoñen unha norma unificada para o valego sobre base galega pero con flexibilidade dialectal, coa intención de que se introduza na escola e se use en publicacións e na administración. Respéctanse algúns “posicionemas” locais e proponse representar con diacríticos a sonoridade de certos sons sibilantes (40% dos falantes), porque o 60% dos falantes (os valverdeiros) non ten sibilantes sonoras. Exemplo: As nosas preocupacións pasan por dil xogandu unha partía polo camiñu da caśa dos źagais da Rośa.

Os defensores da norma reintegrada reivindican o estudo obrigatorio do portugués nas escolas; os da norma foneticista reivindican que cada concello use a súa fala local e cada falante como queira; os partidarios do valego piden a introdución dunha norma unificada nas escolas e, iso si, todos queren a aplicación da Parte II da Carta Europea das Linguas para o “Galician in Extremadura”.

[O A Fondo sobre o galego no Val do Ellas pode consultarse no último Sermos Galiza, o nº184, xa dispoñíbel na loxa]



x