COMO DICILO?

Farruco

En todo grupo humano sempre che hai xente ben farruca
En todo grupo humano sempre che hai xente ben farruca  

Choncha, Suso, Lela ou Canducho son formas familiares de nomes de persoas en galego para Concepción, Xesús, Manuela e Cándido. Son o que se coñece co termo técnico de hipocorísticos. A esta categoría pertence tamén Farruco, un dos hipocorísticos de Francisco, compañeiro dos tradicionais  Fuco, Chuco, Pancho ou Chisco e dos máis recentes e españolizantes Paco, Quico ou Fran.

 

O mundo dos hipocorísticos é ben suxestivo e lectoras e lectores interesados en afondar nel poden ler en liña un traballo -filolóxicamente serio e divulgativamente claro e ameno- da profesora Ana Isabel Broullón: “Farruco, Paco, Fran: datos históricos e evolución dos hipocorísticos en Galicia”.

 

A Academia Galega no seu dicionario en liña rexistra os seguintes significados para o adxectivo farruco:

 

 

1.- Que manifesta insolencia, arrogancia e atrevemento na maneira de comportarse ou pola actitude que adopta. Púxoseme farruco e tiven que ameazalo. 

2.- Que se aferra con enerxía e empeño a unha idea ou a unha maneira de actuar, persistindo nesa actitude. Como se poña farruca non hai quen lle faga cambiar de idea. 

3.- [Persoa] que se mantén áxil, con saúde e con bo aspecto, mesmo a pesar da idade. Está moi farruco para os anos que ten. 

4.- Cheo de fachenda e con moita satisfacción de si mesmo. Puxo o seu mellor traxe e saíu á rúa todo farruco

 

O termo non parece existir en portugués mais si en español e o dicionario da Academia Española en liña rexistra -a maiores do significado  nº 1 do da Galega- o adxectivo e substantivo “Dicho de un emigrante: Gallego o asturiano.” e os substantivos femininos (farruca, logo) “Palo flamenco procedente del norte de España que se interpreta con aires de soleá” e  “Baile que se ejecuta al compás de la farruca”.

 

Curiosamente o DRAE atribúelle á palabra unha orixe árabe coa que discrepa o etimólogo  Joan Coromines que a deriva de Francisco relacionándoa co galego. O certo é que ese hipocorístico noso, Farruco, se espallou por España adiante. Debemos lembrar  particularmente  as migracións galegas (permanentes e mais temporais) a Andalucía, dende as tempraneiras para a repoboación fomentada por Felipe II a partir do século XVI, ás máis serodias para traballar nas minas de ferro (séculos XVIII-XIX)  ou de mariñeiros e familias galegas que se asentaron arredor de Cádiz (século XX). Non resulta tan sorprendente, logo, que un xénero do cante flamenco se denomine cun hipocorístico galego. Ten, ao parecer, a súa orixe en emigrantes galegos do século XIX.

 

Como tamén tería orixe neses farrucos a locución española ponerse farruco/a ‘ponerse altanero/a, arrogante’ e a galega paralela poñerse farruco/a. Salientaremos que en galego a carga algo negativa que denota a expresión española desaparece totalmente e trócase en positiva cando a locución muda o verbo poñerse polo de estar, saír, etc. como se ve nos exemplos citados do DRAG .

 

Nesta época de perda de identidades e dos hipocorísticos propios é un exemplo evidente o do galego Francisco Sesto Novás (arquitecto, escritor, político venezolano e ex-ministro bolivariano)  que reivindica as súas orixes utilizando sistematicamente como nome Farruco.

 

 

 



x