A galega, entre as impulsoras dunha rede de academias de linguas minorizadas

A galega, entre as impulsoras dunha rede de academias de linguas minorizadas
Os asinantes do protocolo para unha rede de academias de linguas minorizadas. Á esquerda, o académico da RAG Henrique Monteagudo. Foto: RAG.
Os asinantes do protocolo para unha rede de academias de linguas minorizadas. Á esquerda, o académico da RAG Henrique Monteagudo. Foto: RAG.  

A Real Academia Galega é unha das seis entidades fundadoras da rede de academias, institutos lingüísticos ou centros de investigación en linguas minorizadas e minoritarias cuxo protocolo de colaboración se presentou a pasada semana en Iruña.
 


“O propósito [da rede] é promover o coñecemento e on respecto da diversidade lingüística do continente”, sinala a institución presidida por Víctor Freixanes nun comunicado remitido aos medios de comunicación. Canda a Galega, fan parte das impulsoras o Institut d'Estudis Catalans, a Real Academia da Lingua Vasca–Euskaltzaindia, a Fryske Akademy -dedicada ao frisón-, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana e Eurac-Instituto for Applied Linguistics.

O texto, asinado no congreso internacional de Euskaltzandia de Iruña, pretende “o recoñecemento en cada caso, especialmente das academias, como representante das súas repsectivas comunidades lingüísticas ante as institucións da Unión Europea co obxectivo de garantir os seus dereitos e o seu futuro”.

Pola Academia Galega participou o sociolingüista Henrique Monteagudo, quen na presentación do protocolo falou da “necesidade de avanzar nun posicionamento común que visibilice no contexto estatal a realidade das linguas propias das nacionalidades históricas e poña en valor a diversidade lingüística de España”.

O documento recolle outras medidas, como o “intercambio de experiencias no desenvolvemento de recursos e ferramentas lingüísticas que sexan útiles para as comundiades de falantes e para as investigadoras” ou “a posibilidade de traballar nunha infraestrutura dixital”. A maiores, refírese á colaboración científica, a compartir información, á coedición de publciacións de interese comín ou á coorganización de xornadas, seminarios ou congresos. 



x